
O Concello de Cervo conmemora o Día Internacional da Muller coa celebración do tradicional xantar, organizado en colaboración coas asociacións do municipio: Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa Alborada, Mulleres Rurais As Espalladoras e Mulleres en Igualdade de Cervo. A cita terá lugar o domingo 8 de marzo ás 14:30 horas no restaurante O Noso Lar, cun prezo de 35 euros por persoa. Os tickets poderán mercarse no propio restaurante a partir deste martes, 24 de febreiro.
Durante a comida farase entrega dos premios ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís que se están a disputar estes días e sortearanse agasallos cedidos polas asociacións organizadoras. A xornada continuará con animación musical a cargo do dúo Caramelo na Casa do Mar, “garantindo un ambiente festivo e de convivencia nunha data sinalada para reivindicar a igualdade e poñer en valor o papel da muller na sociedade”.
Dende o Concello de Cervo animan a todas as mulleres do municipio a participar nesta celebración “pensada como un espazo de encontro, recoñecemento e festa compartida”.


