O Concello de Cervo programa diversas actividades entre o 16 e o 24 de maio con motivo do Día das Letras Galegas, dedicadas a Luísa Villalta

O Concello de Cervo, en colaboración con diferentes asociacións, programa unha serie de actividades culturais para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas á escritora Luísa Villalta.

O programa foi presentado pola rexedora, Dolores García Caramés, e por representantes de Airiños do Xunco, Cordenaia, As Espalladoras e a asociación de veciños de San Román, que organizan varias das actividades previstas, coa colaboración da Administración local.

A primeira das citas terá lugar o xoves, 16 de maio na Casa da Cultura. Será unha actuación infantil a cargo de Cristina Collazo baixo o título “Procúrase Pepa a Loba”. Na Casa da Cultura, ás 19:30 horas.

Xa o propio Día das Letras Galega, o venres, 17 de maio, ás 12:00 horas, na Praza do Souto, terá lugar unha particular homenaxe á vida e obra de Luísa Villalta, seguida da actuación de Cordenaia, e da actuación infantil de Bandullo Azul “Vicki e a Felicidade”. Todas elas son actividades organizadas por Airiños do Xunco coa colaboración do Concello.

Xa pola tarde, ese mesmo día, a partir das 18:30 horas, o pavillón de San Román acollerá a I Xuntanza Espallando Letras, organizada pola asoc. De Mulleres Rurais As Espalladoras e a asociación de veciños de San Román. Contará coas actuacións dos Acordeonistas da Mariña, Ledicia, Cordenaia e Fol do Raxal; e haberá tamén racións de touciño e chourizo a prezos populares.

O sábado 18 de maio, no auditorio da Casa da Cultura terá lugar o monólogo “Enredada” de Leti da Taberna, a partir das 19:30 horas.

O domingo 19, ás 13:00 horas, a Praza do Souto será o escenario dun novo monólogo desta volta protagonizado por Avelino González, baixo o título “Contos que foron chiste”. Unha actividade organizada por Airiños do Xunco coa colaboración do Concello de Cervo.

O calendario de actividades programadas con motivo das Letras Galegas pecharase o venres 24 de maio, ás 20:00 horas, co espectáculo “Luísa Villalta: Adagio!”, de Caxoto, da Trastenda dos Contos.

Desde o Concello de Cervo animan a participar nestas actividades pensadas para toda a familia para desfrutar nestes días de lecer.