A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anuncia a posta en marcha dunha campaña de promoción dos mercados dos xoves na localidade coa que se pretende incentivar tamén o comercio local.
A través de distintos soportes, como os medios de comunicación ou as redes sociais, o Goberno local destinará esta acción a poñer en valor as alternativas para mercar, así como as de ocio que ten Mondoñedo. Trátase, segundo explica a rexedora, de facer unha campaña “que conciencie da importancia de mercar no comercio local e capaz de atraer visitantes, nomeadamente para potenciar os mercados dos xoves”.
Desde o Concello destacan a importante variedade de produtos que se poñen á venda neses mercados, todos de primeira calidade. Á froita, produtos da horta, roupa, entre outros, vén de engadirse hai un ano un servizo de pulpeiro, ademais da oferta hostaleira da localidade.
“Queremos apostar polo noso, polos nosos supermercados, as nosas tendas e os nosos produtos, polo que imos animar aos nosos veciños e veciñas e aos das localidades próximas a que merquen en Mondoñedo”, explica a rexedora.
Con este obxectivo o Concello editou ademais un folleto guía no que se recollen, a maiores dos atractivos da cidade, os lugares nos que xantar ou nos que durmir, así como información de interese sobre as festas, a historia e un plano cos lugares de interese de Mondoñedo.