
O Concello de Xove, a través do Departamento de Cultura, fai un chamamento á veciñanza para colaborar no tradicional Desfile dos Reis Magos, que percorrerá as rúas do municipio o día 5 de xaneiro a partir das sete da tarde “co obxectivo principal de manter viva a maxia do Nadal no día máis especial tanto para os máis pequenos como para os maiores. Desde o departamento solicitamos a participación de persoas voluntarias que dispoñan de vestimenta ou atavíos propios destas datas, tales como pastores ou pastoras, paxes reais, elfos, personaxes de Disney ou outros personaxes infantís, para participar nas carrozas preparadas para acompañar aos Reis Magos no seu desfile polas rúas de Xove”.
As persoas interesadas en participar poden anotarse cubrindo un impreso de voluntariado na Oficina de Información Xuvenil, sendo por motivos organizativos a data límite para a inscrición o 26 de decembro.
Desde o Concello de Xove animan á cidadanía a sumarse a esta iniciativa e “contribuír a que o Nadal siga sendo un tempo de ilusión, especialmente para a infancia. O Concello quere agradecer de maneira moi especial a colaboración desinteresada de veciños, veciñas e voluntarios, que ano tras ano arriman o ombro para que as actividades do Nadal poidan desenvolverse con éxito e ilusión”.


