
O Concello de Xove presentou o XII Concurso de Fotografía Medioambiental, unha iniciativa promovida polo Departamento de Medio Ambiente que ten como obxectivo “fomentar o interese pola contorna natural do municipio e contribuír á súa divulgación e posta en valor a través da fotografía”. As persoas interesadas en participar poderán presentar as súas fotografías ata o 30 de outubro de 2026. As obras poderán entregarse no Rexistro de Entrada do Concello de Xove ou enviarse por correo postal ordinario, facendo constar no sobre a data de presentación.
O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Turismo e Medio Ambiente, Cecilia Duarte, foron os encargados de presentar esta duodécima edición, que “volve poñer o foco na natureza, a costa e o mar de Xove, elementos que forman parte esencial da identidade e do patrimonio ambiental do municipio”.
Durante a presentación a concelleira Cecilia Duarte destacou que o concurso “pretende animar á veciñanza e a todas as persoas afeccionadas á fotografía a mirar Xove desde diferentes perspectivas e captar, a través das súas imaxes, a beleza, singularidade e riqueza medioambiental do territorio”.
Pola súa banda, o alcalde salientou “a importancia de iniciativas deste tipo para promover o coñecemento e o respecto pola contorna natural de Xove, así como para dar visibilidade aos seus paisaxes, espazos naturais e patrimonio ambiental”.
O concurso contará cunha categoría única e estará dotado con cinco premios: de 120 100, 90, 75 e 65 euros.
As fotografías deberán estar relacionadas coa contorna medioambiental do municipio de Xove, “ofrecendo unha visión persoal e creativa da súa natureza, costa e mar”.


