
O Concello de Trabada, en colaboración coa Asociación Cultural O Picato, organiza o Entroido de Trabada, “unha das celebracións máis destacadas do calendario festivo municipal, que terá lugar o sábado 28 de febreiro e que converterá novamente o centro da vila nun espazo de festa, participación e convivencia”. Haberá desfile e verbena.
O Concello de Trabada asume nesta edición o papel de organizador principal dun evento que “cada ano reúne a centos de persoas, tanto veciñanza do municipio como visitantes doutras localidades, consolidándose como unha cita imprescindible do Entroido na comarca”.
A programación comezará ás 18:00 horas co tradicional desfile de disfraces, no que poderán participar carrozas, grupos, comparsas, charangas, parellas e participantes individuais. As inscricións poderán realizarse de xeito online ata o 26 de febreiro, a través do código QR do cartel, e a recollida de dorsais terá lugar o propio día do desfile entre as 16:00 e as 17:00 horas.
O Entroido contará cun “amplo programa festivo que inclúe servizo de bar e comidas, unha gran verbena amenizada polo Grupo La Bamba e Cosme DJ, así como a entrega de premios a partir das 00:00 horas, cunha ampla variedade de categorías e importantes premios económicos”.
Desde o Concello destacan que o Entroido de Trabada é “un dos eventos máis importantes do ano, non só polo seu carácter festivo senón tamén polo que supón de dinamización social, cultural e económica para o municipio”.
O alcalde de Trabada, Rubén García, animou a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración: “queremos que o Entroido de Trabada siga medrando e sendo unha festa de referencia, aberta a todo o mundo, onde prime a participación, a alegría e o espírito festivo que sempre caracterizou ao noso concello”.
Así mesmo o Concello quixo poñer en valor o cartel anunciador desta edición, cuxo debuxo gañador é obra de Gael Díaz Fernández, agradecendo tamén a participación de todos os nenos e nenas que formaron parte do concurso de carteis do Entroido de Trabada 2026. “É unha satisfacción ver a creatividade, a ilusión e o talento da nosa infancia, que tamén forma parte activa desta festa”, sinalou o rexedor.
Desde o goberno municipal subliñan a importancia da colaboración coa Asociación Cultural O Picato, así como o compromiso do Concello por seguir “impulsando eventos que fomenten a convivencia, a participación cidadá e a posta en valor das tradicións populares”.


