Desde Trípode explican: “estamos de volta! De novo a comedia, de novo a reflexión sobre os escenarios. De novo na Casa da Cultura do Valadouro, que tan fermosos momentos nos fixo vivir. De novo na tradicional e popular Semana do Teatro de inicios de setembro. Os de Trípode estamos de estrea, mais non estreamos zapatos nin chaqueta, senón unha nova representación teatral, A presa, unha historia baseada en feitos e en sentimentos reais: cando a modernidade destrúe a sinxeleza e a fermosura do natural, non é boa. A veciñanza de Fontefría loita contra o proxecto dun encoro descomunal que asolagará a súa aldea e a súa felicidade”.
A estrea de “A presa” será o domingo, 1 de setembro, ás 22:00 horas.
E engaden “esperamos contar coa túa compañía para rir e pensar xuntos. Grazas ao concello do Valadouro por apoiarnos e permitirnos ensaiar, sorrir e representar a nosa nova creación. E grazas a Suso Rubio por crear para nós esta marabilla de cartel, que tan ben reflicte o noso sentir”.