O grupo Mägo de Oz pechará as festas patronais de Ribadeo 2026, que contarán cunha ampla programación do 4 ao 8 de setembro

O Concello de Ribadeo e a Comisión de Festas presentaron o programa das Patronais, que culminará o 8 de setembro cun concerto gratuíto de Mägo de Oz. Daniel Vega e Gonzalo Lebredo destacan a colaboración da Xunta de Galicia e o traballo conxunto que “permite ofrecer unha das programacións máis ambiciosas dos últimos anos”.

O Concello de Ribadeo e a Comisión de Festas de Ribadeo veñen de presentar a programación das Festas Patronais 2026, que se desenvolverá ata o 8 de setembro e que terá como gran novidade e broche final o concerto de Mägo de Oz, unha das bandas máis populares e recoñecibles do rock español. A actuación terá lugar o martes 8 de setembro ás 23:00 horas no recinto dos festexos ribadenses con entrada totalmente gratuíta, dentro da xira La Noche de las Brujas 2026. O concerto permitirá pechar as festas cun espectáculo de primeiro nivel e coa previsión de atraer a Ribadeo público procedente non só da Mariña, senón tamén do resto de Galicia e da veciña Asturias.

O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, salientou que “conseguir que Mägo de Oz actúe en Ribadeo e que ademais o concerto sexa gratuíto é unha magnífica noticia para a vila. Falamos dunha banda cunha traxectoria enorme, coñecida por varias xeracións e cun espectáculo capaz de atraer milleiros de persoas. Queremos que o 8 de setembro Ribadeo sexa un punto de encontro para toda A Mariña e para moita xente que nos visite desde Asturias e outros lugares de Galicia”.

Vega destacou especialmente “o traballo conxunto entre o Concello, a Comisión de Festas e a Xunta de Galicia”, unha colaboración que, segundo sinalou, “permite construír unhas festas importantes, atractivas e á altura de Ribadeo”. O alcalde agradeceu “o compromiso da Xunta de Galicia coas festas e con Ribadeo, así como o enorme esforzo realizado durante meses pola Comisión para sacar adiante unha programación destas características”.

Pola súa banda, o presidente da Comisión de Festas, Gonzalo Lebredo, explicou que “desde o primeiro momento quixemos facer unhas Patronais grandes, pero tamén variadas, populares e pensadas para todas as idades. Mägo de Oz é evidentemente o nome que máis chama a atención do cartel e estamos moi satisfeitos de poder ofrecer este concerto de balde, pero detrás del hai moitos meses de traballo e unha programación completa durante varios días”.

Lebredo incidiu tamén en que “sen a colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia sería imposible afrontar unhas festas desta dimensión. Para unha comisión é fundamental atopar institucións que entendan que as Patronais son algo máis ca uns días de verbena: forman parte da identidade de Ribadeo, dinamizan a vila, benefician á hostalería e ao comercio e permiten que miles de persoas desfruten xuntas das festas”.

A programación deu comezo o domingo 23 de agosto co Trofeo Festas Patronais de Baloncesto, que enfrontou ao Río Breogán e ao Sporting Club de Portugal. O domingo 30 celebrarase o tradicional Día da Bicicleta, cun percorrido popular polas rúas de Ribadeo.

O martes 1 de setembro será o Día dos Maiores, cunha xornada especialmente dedicada aos usuarios do Centro de Día e da Residencia de Maiores, coa presenza dos Cocos e Cabezudos, música tradicional e chocolatada.

O venres 4, Día do Pregón, haberá pasacalles de Los Támega. O pregón terá lugar no Cine Teatro ás 20:30 horas. Será pronunciado por Pepe Conde (ex xefe do servizo cirurxía do HULA), actuará a Coral Polifónica de Ribadeo e haberá unha noite de DJs con Alejandro Martínez, Manu Méndez e DJ Twins.

O sábado 5 contará co Half Triatlón Ribadeo, pasacalles da Charanga BCB, sesión vermú de La Hora Bruja e verbena coa Orquestra Miramar e a Orquestra Fania Blanco Show.

O domingo 6, Día do Neno, haberá actividades infantís, inchables e festa da espuma no Cantón, fútbol no estadio municipal Pepe Barrera, música durante toda a xornada e unha verbena con Grupo Origen e Panorama City.

Na véspera da Patroa, o luns 7, a programación combinará os actos máis tradicionais coa sesión vermú do Dúo Venus, a actuación da Mekanika Rolling Band, a verbena con Los Satélites e Grupo Tekila e, ás 23:59 horas, unha sesión de fogos artificiais.

E o martes 8 de setembro, Día da Patroa, concentrará os actos máis solemnes das festas. Ás 11:30 horas terá lugar o recibimento de autoridades na Casa do Concello e o posterior acompañamento ata a igrexa parroquial. Ás 12:00 celebrarase a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión e do concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo diante do Concello. Pola tarde e pola noite continuará a música no recinto feiral antes do gran acontecemento das Patronais: ás 23:00 horas subirá ao escenario Mägo de Oz, que levará a Ribadeo o espectáculo da súa xira La Noche de las Brujas 2026.

Daniel Vega e Gonzalo Lebredo coinciden en convidar “a toda A Mariña, a Galicia e aos nosos veciños de Asturias a vir a Ribadeo, desfrutar das Patronais e acompañarnos especialmente nun 8 de setembro que queremos que sexa inesquecible”.

O Concello de Ribadeo e a Comisión agradecen expresamente a colaboración da Xunta de Galicia, así como a participación das entidades, empresas, colectivos e persoas que fan posible a celebración das Patronais. O programa conta co apoio de ACISA Ribadeo, Sanbet Agencia, Estudio Reverte e co patrocinio oficial de Estrella Galicia.