
Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, o II Certame de Teatro Afeccionado do Concello de Barreiros rexistrou un total de 26 obras presentadas, “unha cifra que supera con creces as expectativas e confirma o interese que esta iniciativa espertou no ámbito do teatro afeccionado”, destaca o Concello de Barreiros, que engade: “entre as solicitudes recibidas atópanse propostas de compañías das catro provincias galegas xunto con sete obras máis chegadas dende fóra da comunidade”.
O concelleiro de Dinamización, Dani García, sinala que “con este abano de posibilidades o certame gozará dunha ampla variedade de xéneros e temáticas o que fará unha edición especialmente diversa e chamativa”.
O seguinte paso é o do comité de selección que terá que escoller as 7 obras que se representarán os sábados entre xaneiro e marzo de 2027 no centro sociocultural de San Cosme e nos colexios vellos de San Miguel.
As persoas que asistan ás funcións poderán participar na votación do premio especial do público, mentres que o xurado será o encargado de valorar o resto de galardóns.
Nos vindeiros días darase a coñecer o nome das obras seleccionadas e as datas das representacións, anuncia o Concello de Barreiros.


