
O IV Descenso de Carrillanas da Pontenova, que nesta ocasión é campionato europeo, disputarase os días 26 e 27 de xullo, sábado e domingo, e foi presentado este martes.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que “colabora co club Motoreo na organización do IV Descenso de Carrilanas da Pontenova, que se celebrará os vindeiros 26 e 27 de xullo. A competición, presentada este martes na Praza dos Fornos da Pontenova, conta nesta edición coa bitola de Campionato Europeo, un fito xa que será a primeira vez que Galicia acolla unha proba deste nivel e a segunda que se celebre en España. A área de Mocidade achega 3.000 euros á organización da proba, na que se prevé a participación de máis dun cento de vehículos, entre eles arredor dunha quincena da Pontenova e dos concellos da contorna. O descenso desenvolverase nun treito entre Vilar das Pedras e a rúa da Feira, na Pontenova. Se ben a actividade competitiva se concentra na fin de semana, a actividade arredor da proba comezará xa o xoves 24 con reunións técnicas, revisións do trazado e actividades lúdicas. Na xornada prevía ás carreiras, celebrarase un cerimonia, na que desfilarán os vehículos participantes, ás 18.00 horas”.
E a Xunta de Galicia apoia ao club Motoreo, da Pontenova, na organización do IV Descenso de Carrilanas, que se celebrará os días 26 e 27 de xullo. O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da proba, nun acto que se desenvolveu na praza dos Fornos da localidade con representantes do colectivo organizador e das entidades colaboradoras.
A Xunta destaca que “o evento da Pontenova é a única proba do Campionato Europeo de Carrilanas FISD deste ano e ademais é puntuable para a Copa Galicia e a Copa de España desta modalidade. O prazo de inscrición estará aberto ata este venres, 18 de xullo. Apuntáronse xa arredor de 80 participantes, procedentes de sete países europeos, e os organizadores agardan superar o cento de inscritos. O comezo do IV Descenso de Carrilanas da Pontenova adiantarase ao venres 25, cun desfile das bandeiras das nacións participantes polo centro do pobo. A proba propiamente dita comezará o sábado, ás 11.00 horas, co remonte dos participantes dende a praza dos Fornos, seguido dos adestramentos oficiais e dúas baixadas cronometradas. O domingo, o remonte farase ás 8.00 horas e logo haberá de novo adestramentos e dúas mangas oficiais. As carrilanas baixarán dende Vilar das Pedras ata A Pontenova”.
Javier Arias valorou o esforzo dos organizadores para manter este evento “que representa un exemplo de como tradición, deporte e dinamización turística poden ir da man”. Destacou ademais o apoio da Xunta a esta iniciativa “pola súa capacidade de proxección internacional, a súa conexión coa identidade cultural e o seu impacto positivo tanto económico como social na comarca”.