O Motoclube A Cadeira organiza en Trabada a súa primeira concentración moteira os días 21 e 22 de xuño

O Concello de Trabada anuncia que colabora co recentemente creado Motoclube A Cadeira na organización da I Concentración Motera que terá lugar os días 21 e 22 de xuño, sábado e domingo, na Praza do Concello e noutras localizacións do municipio.

“Este evento prevé reunir a numerosos afeccionados ao mundo das dúas rodas chegados de toda Galicia e doutras comunidades, cun amplo programa de actividades para todos os públicos: exhibicións de pilotaxe, simuladores de MotoGP, sesións vermú con música en directo e DJ, ceas populares, rutas turísticas en moto, sorteos con premios e moito máis. Entre os momentos máis destacados da fin de semana está a exhibición acrobática do piloto profesional Emilio Zamora. O encontro tamén contará cunha zona de acampada interior e exterior, servizo de taxi, foodtrucks, churrería, postos de merchandising e a participación do artista Iossu Black, recoñecido especialista en aerografía e tatuaxe”, explica o Concello de Trabada.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 15 de xuño, contactando co número 647 606 774 (Noelia) ou escribindo ao correo electrónico motoclubeacadeira@gmail.com. Para formalizar a inscrición será necesario indicar o nome completo, DNI e enviar o xustificante de pago á conta bancaria facilitada pola organización.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala: “queremos apoiar con forza ao noso tecido asociativo, como é o caso do novo Motoclube A Cadeira. Eventos coma este contribúen a dinamizar o noso concello, atraer visitantes e reforzar a identidade cultural e social de Trabada. Queremos que esta concentración sexa a primeira de moitas, e que se consolide como unha cita fixa para os amantes do motor”.

Desde o Concello de Trabada felicítase ao Motoclube A Cadeira “polo seu traballo e compromiso coa organización dun evento desta magnitude, e convídase a toda a veciñanza e persoas visitantes a participar nesta fin de semana única onde motor, música e gastronomía serán os grandes protagonistas”.