O parque de San Francisco, en Ribadeo, acollerá o 18 de xuño a I Feira do Mercado Social.

O parque de San Francisco acollerá a celebración da 1ª Feira do Mercado Social o vindeiro 18 de xuño. A cita foi presentada hoxe no Concello de Ribadeo. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, xunto a membros de entidades como Reas ou Lugar das Marías.

Vizoso Galdo contou que “hoxe presentamos a 1ª Feira do Mercado Social acompañados dalgunhas das entidades que formarán parte deste evento, que se celebrará no parque de San Francisco o sábado 18 de xuño. O obxectivo desta actividade é promover a rede local de comercio e consumo no concello de Ribadeo, achegando e fomentando este modelo económico e informando sobre el a toda a poboación”. 

O edil ribadense subliñou que “con esta feira o Concello de Ribadeo súmase ao compromiso de afianzar na economía social, un modelo económico que ten en conta o medio ambiente, o equilibrio e a equidade nas súas actividades e nas relacións económicas,  que busca establecer unhas condicións laborais dignas e xustas e fomentar a cooperación fronte á competencia”.

Pablo Vizoso subliñou que “a feira contará coa presenza de varias entidades de economía social, que se achegarán cos seus produtos e proxectos para amosar máis de cerca a súa actividade a todas as persoas interesadas. A maiores, ao longo do día, persoas de todas as idades poderán gozar das actividades programadas desde as 11 da mañá, hora de apertura da feira, ata as nove da tarde, que será cando se clausurará. Haberá exposicións, mapa de solidariedade internacional sobre consumo, varios obradoiros e tamén haberá lugar para o lecer e o disfrute cunha sesión vermú ás 13.30 horas e con ludoteca e circo pola tarde”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local animou “a todas as persoas que veñan informarse sobre a economía social e a celebrar con nós esta 1ª Feira do Mercado Social”.