
O programa de educación rural da Vicepresidencia a Deputación de Lugo Da Escola á Granxa medra cun novo material lúdico e didáctico, o Xogo da Pita Choca.
O deputado de Rural, Daniel García, presentou este sábado no Pazo de San Marcos este novo recurso, nun acto que contou coa presenza de asociacións de nais e pais que participaron no programa, coa concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza de Lugo, Cristina López; e con Leticia Gutiérrez; tesoureira da Federación Provincial de Anpas de Lugo, que vén colaborando desde o inicio na organización do programa.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo explica que “O Xogo da Pita Choca, deseñado por Inés López Penelas, de Inpe, e Cristina Rodríguez, de ZZ Design, conta cun taboleiro en espiral, de 63 casiñas numeradas, ilustradas con animais e alimentos que se producen nas granxas que participan no programa Da Escola á Granxa, que representan o potencial produtivo da provincia de Lugo”.
O deputado explicou que “se trata dun material creado para celebrar a traxectoria do programa, que este ano alcanzará a quinta edición e que nos últimos catro achegou máis de 18.000 nenas e nenos de toda a provincia a granxas e proxectos de emprendemento no rural coa colaboración das Anpas. De cara ao quinto aniversario pensamos nun xogo", que "toma o nome dun dos poemas de O soño na gaiola, de Manuel María, A pita choca, que fala do coidado, que identifica ás Anpas e ás familias, para as que está pensado”.
Leticia Gutiérrez encadrou a colaboración da FAPACEL co programa no obxectivo compartido de “recuperar o valor e a visibilidade do rural e dunha forma de vida que é digna, moderna, que ten futuro e que é respectuosa do medio ambiente” defendendo os dereitos das alumnas e dos alumnos”.
A concelleira Cristina López valorou especialmente “a posibilidade que o programa Da Escola á Granxa ofrece ás nenas e nenos da cidade, en xeral con menos vínculos coa actividade agrogandeira, de achegarse á orixe dos alimentos e a unhas actividades plenamente vinculadas ás nosas raíces e á nosa identidade como sociedade”
Todas as Anpas que participaron na última edición do programa Da Escola á Granxa recibirán un exemplar do xogo, que estrearon este sábado algúns das nenas e nenos que se achegaron ao acto.


