O Valadouro celebra este sábado, 10 de outubro, a 39ª Feira do Mel

O Valadouro celebra este sábado, día 10 de outubro, a 39ª Feira do Mel “cunha ampla programación de actividades para todos os públicos”, anuncia o Concello, que explica que se desenvolverá na Praza de Santa María e nas rúas de Ferreira, con exposición e venda de mel, degustacións, obradoiros, música e actividades infantís. E engade que é “unha cita dedicada á promoción do mel, á apicultura e aos produtos vinculados a esta actividade, que contará cunha variada programación cultural, gastronómica e de lecer para todos os públicos”.

A feira abrirá as súas portas ás 10:00 horas na Praza de Santa María e nas rúas de Ferreira, onde “as persoas visitantes poderán achegarse aos postos de exposición e venda de mel e coñecer de primeira man os produtos relacionados co sector apícola. Ao longo da xornada do sábado desenvolveranse numerosas propostas destinadas a poñer en valor o mel e as súas posibilidades gastronómicas. Ás 11:00 horas celebrarase na Praza de Santa María unha charla cata sobre o hidromel, con aforo limitado e inscrición previa. Á mesma hora terá lugar un obradoiro de elaboración de velas a cargo de Devalo. A oferta gastronómica incluirá unha degustación de ecocócteles, como os últimos anos, na praza, así como unha degustación de filloas con mel ás 13:00 horas e outra de castañas ás 18:30 horas. A feira tamén contará coa exposición dos debuxos presentados ao certame da 39ª Feira do Mel, contribuíndo a fomentar a participación e a creatividade arredor desta celebración”.

O Concello do Valadouro tamén anuncia que a programación musical comezará ás 12:00 horas coa actuación da AC Amado Lar. Ás 13:00 horas será a quenda da batukada da AC Fandangueiros. Pola tarde, ás 17:00 horas, o público infantil e familiar poderá gozar do contacontos musical MUMÁXICA, a cargo de Iseo a Moura. A música continuará ás 18:00 horas coa actuación da Charanga Noroeste. Ademais realizaranse dous sorteos de lotes de produtos da feira, previstos para as 14:30 e as 19:00 horas.