O Vicedo volverá revivir a súa historia coa IX Romaxe Viquinga, que se celebrará os días 24 e 25 de xullo

O Vicedo volverá revivir a súa historia coa celebración da novena Romaxe Viquinga, que será os días 24 e 25 de xullo e foi presentada este xoves.

A deputada provincial de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na Casa da Cultura do Vicedo na presentación da IX edición da Romaxe Viquinga 2026, que se celebrará os días 24 e 25 de xullo. Un evento que inclúe a representación do desembarco normando na praia de Area Grande, ou actuacións musicais, entre outras moitas actividades. A Deputación Provincial de Lugo colabora con este evento, así como con outras propostas turísticas, cunha achega económica de case 19.000 euros.

García Porto anunciou: “apoiamos esta cita a través do Plan Deputación. Unha ferramenta que distribuímos de xeito equilibrado e que lles permite aos concellos planificar e executar actuacións coma esta que presentamos hoxe”. Nese sentido recalcou a deputada que con este apoio aos concellos “dinamizamos directamente a vida social e económica da provincia, ao tempo que consolidamos o noso modelo de turismo: un turismo de calidade e sostible que pon en valor a nosa riqueza patrimonial, sobre todo no rural”.

Así mesmo definiu a Romaxe Viquinga como “un dos eventos máis singulares e atractivos da comarca mariñá” e fixo especial fincapé en que “cada ano consegue atraer a milleiros de visitantes, chegados de diferentes puntos da xeografía galega, ata O Vicedo e ata a praia de Area Grande. O que supón un importante revulsivo económico para esta zona e para todo o conxunto da provincia”.

Rematou a súa intervención agradecendo especialmente á Asociación Os Cabaleiros de Rías Altas, voluntarios, administracións e veciños e veciñas “que fan posible que esta cita se celebre ano tras ano”.

No acto, no que tamén se expuxo un vídeo resumen da edición pasada, a deputada estivo acompañada polo Alcalde do Vicedo, José Novo Martínez, e o ilustrador que realizou o cartel oficial, Cristian Caruncho, entre outras autoridades.

O delegado territorial da Xunta de Galiciaen Lugo, Alfonso Villares, destacou o apoio da Xunta á Romaxe Viquinga do Vicedo e gabou a súa “rápida consolidación como un dos eventos que máis visitantes atrae á Mariña e como elemento dinamizador indiscutible do concello e a contorna”.

Villares participou na presentación da novena edición da festa, que se celebrará o próximo 25 de xullo e terá como escenario a praia de San Román. Alí instalaranse os campamentos viquingo e cristián e o mercado medieval e desenvolveranse actividades lúdicas para todos os públicos.

A programación comezará o venres, día 24, coa lectura do pregón e o desfile de viquingos e cristiáns pola localidade. Na xornada principal do sábado as citas máis destacables serán o desembarco viquingo, ás 12:30 horas; o torneo a cabalo, ás 20:00 horas, e o enterramento viquingo, ás 22:30 horas, ao que seguirá un espectáculo musical.