O VIII Rally da Mariña Lucense dispútase esta fin de semana, venres 8 e sábado 9 de maio

Este xoves, 7 de maio, presentouse en Viveiro a oitava edición do Rally da Mariña Lucense, que se disputa esta fin de semana coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, principal patrocinadora da proba.

A Vicepresidencia da Deputación explica que “o rally, que foi gañando participantes e afección de forma sostida ao longo dos anos, alcanza nesta edición unha participación record, con 128 pilotos inscritos. As estradas do Vicedo, Xove e Cervo acollerán os tres treitos cronometrados da proba, que se disputarán en tres pasadas ao longo da xornada do sábado".

O deputado provincial Daniel García e o responsable de Mix Rally Sport Ignacio Dávila presentaron o rally nun acto que contou con representantes municipais e con pilotos locais.  O deputado mariñao valorou esta participación comarcal como “un dos aspectos máis destacados da
traxectoria do Rally, que se puxo en marcha en 2019, co apoio da Vicepresidencia da Deputación, que apostou desde o inicio por levar a Mariña ao calendario do automobilismo galego de asfalto”. Daniel García incidiu, neste sentido, en que “o obxectivo do apoio institucional ás probas é fomentar e facilitar a práctica deportiva en todo o territorio”.

O rally inaugurarase oficialmente este venres, 8 de maio, coa cerimonia de saída que se celebrará na Avenida da Mariña, en Viveiro, a partir das 20:00 horas. En Viveiro situarase tamén o parque pechado e o de asistencia. Burela acollerá o parque de reagrupamento dos coches.

O apoio á celebración do Rally da Mariña -cunha achega de 23.000 euros- encádrase na colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén co tecido automobilístico provincial, “co patrocinio das probas máis destacadas da provincia -Rallly San Froilán, Subida Ribeira Sacra Chantada, Subida á Pontenova e Subida a Taboada-, a organización do Volante Deputación, orientada a pilotos noveis que se queren iniciar na competición, e a convocatoria anual de axudas de concorrencia competitiva para pilotos”.