
Este venres, 13 de xuño, arrinca o XVI Torneo Infantil de Fútbol Base da SD Ribadeo, que disputarán 44 equipos ata o vindeiro domingo, 15 de xuño. O evento reunirá na vila a 750 xogadores, ademais de monitores e familiares.
Na presentación participaron o presidente da SD Ribadeo, Óscar Otero; o coordenador de Fútbol 8 da SD Ribadeo, Aitor García; a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez; o alcalde ribadense, Dani Vega; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; e o técnico municipal de Deportes, Iván López.
Desde a organización explican: “conteremos neste torneo con 44 equipos, un procedente do Reino Unido e outros chegados desde Cantabria, Castela-León, Asturias e Galicia. A maioría deles estarán en Ribadeo xa desde o venres. Estamos a falar de 750 xogadores, que veñen cos seus adestradores e moitos deles coas súas familias como acompañantes”.
Os partidos disputaranse no estadio municipal Pepe Barrera, en Ribadeo; no Campo do Outeiro, na Devesa; no Campo de As Valgas, en San Miguel de Reinante; e no Campo Trenor, en Barres, na veciña Asturias.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, manifestou que “esta fin de semana rematan os torneos organizados pola SD Ribadeo, que encheron Ribadeo de deporte e de visitantes, porque a maioría destes nenos e nenas veñen acompañados das súas familias. Agardamos que gocen do deporte e dos seus valores, que aproveiten para coñecer Ribadeo, que lles gusta e que repitan no verán ou en calquera época do ano”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “estes eventos que combinan o deporte co turismo son un revulsivo para o tecido empresarial ribadense. Son citas importantes para a hostalería, para os hoteis e tamén para o comercio antes do inicio da tempada alta”.
Organiza os torneos a SD Ribadeo, coorganiza Deporte Galego e colaboran Concello de Ribadeo, Acisa, Deputación de Lugo, Gadis e Eroski.