Ollomao, de Barreiros, organiza un obradoiro de teatro para este domingo, 20 de abril, en San Miguel

O Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, organiza un obradoiro de teatro para este domingo, día 20 de abril, nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante de 17 a 20 horas.

“Gústache a interpretación, pero tamén che gustaría crear a túa propia peza teatral, subir ao escenario esa fermosa historia da túa familia ou veciñanza que doutro xeito ficaría no esquecemento? Gústache o teatro, pero preferirías algo fresco e dinámico no canto de memorizar longos parlamentos? Non tes experiencia teatral, mais gustaríache explorar a expresión corporal, a voz, o poder da palabra e as emocións, o clown, a escoita, o drama ou a comedia? Se queres bucear na intrahistoria da Mariña, crear, desfrutar do teatro e formar parte dun grupo ben xeitoso, achégate. Estas son as verbas da nosa condutora, guía, mestra teatral Raquel López Cendán, para describir o que significa e como se vive un obradoiro interxeracional. Coa liberdade para desfrutar sen ataduras, de divertirse e soltar o sorriso, de expresarse e gozar da experiencia, de coñecer xente nova e saír da monotonía, de facer comunidade e compartir...”, explica o Colectivo Cultural Ollomao.