Os Plans con corazón da Mancomunidade da Mariña chegan o 3 de outubro a Trabada e o 4 á Pontenova

Últimas prazas para os Plans con corazón da vindeira fin de semana en Trabada e A Pontenova. A visita a Trabada do sábado, 3 de outubro, descubrirá o seu valioso legado natural, mentres que A Pontenova seguirá coa ruta do Muiñeiro Namorado o domingo, 4 de outubro.
Segue aberta a inscrición do exitoso programa de actividades Plans con corazón, unha iniciativa para dar a coñecer entre a poboación, tanto autóctona como visitante, a riqueza dos 16 concellos que compoñen o xeodestino. Para as actividades da vindeira fin de semana, que terán lugar en Trabada e na Pontenova, quedan xa as últimas prazas, polo que é recomendable anotarse o antes posible se se desexa participar.
Todas as persoas interesadas poder formalizar a inscrición a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía de 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.
Plans con corazón, que se desenvolve entre o 26 de setembro e o 14 de novembro, chega este ano á súa sétima edición cunha proposta de actividades variada e atractiva, liderada por guías oficiais de Galicia coñecedores do patrimonio local, tamén por perfís especializados en xeoloxía e ornitoloxía e por todos os anfitrións participantes. Estes expertos colaboran coa Mancomunidade e a empresa Volta Montana para configurar esta iniciativa coa que amosar A Mariña como un destino singular e diverso, contribuír á desestacionalización do turismo -xa que promove viaxes fóra dos meses de temporada alta- e ampliar o coñecemento do territorio a nivel local. Trátase dun proxecto para conectar coa esencia da Mariña a través de propostas que nos achegan a espazos moitas veces descoñecidos. Esta é, sen dúbida, unha proposta  máis próxima, máis auténtica e máis conectada coas persoas que viven e traballan no territorio.
Os guías oficiais son Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías acreditados ademáis co selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; Juan Fernandes, o guía especializado en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Saúl Román.
A Mancomunidade Concellos da Mariña promove este programa de actividades no marcodos convenios de colaboración anuais coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo, co obxectivo de ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, permitan á poboación coñecer e gozar do territorio e contribúan á desestacionalización do turismo neste destino.
Novidades 2026
Nesta edición, como primeira novidade, incorpórase a participación de varios produtores que a principios de anos formaron parte do Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR, en colaboración coa Mancomunidade, para promover experiencias agroturísticas que diversifiquen a oferta turística, atraian a novos visitantes e contribúan á desestacionalización do turismo. Os produtores que participan nos Plans con corazón 2026 son: Cooperativas Terras da Mariña; Mel O Poder das Flores; Shiifos Micoloxía; Grupo Naterra; e a Mancomunidade de Montes en man común de Frexulfe no Valadouro.
A segunda novidade deste ano é a participación de Mar Aberto, un proxecto de 3 alumnos do grao de Turismo da UDC: Anxo García, Diego Rodríguez e Juan Fernandes, que xorde co obxectivo de ofrecer un roteiro accesible e inclusivo en torno ao patrimonio mariñeirona Mariña Lucense.
Próximas actividades Plans con Corazón 2026
TRABADA Sábado 3 outubro
Rincóns naturais de Trabada.Con Carmen Delia
Un bosque con patrimonio etnográfico e un proxecto que nace da terra.
Entre vales e antigos camiños reais e de peregrinación, Trabada agocha un valioso legado vexetal, con especies como o acivro, e ríos ateigados de enxeños hidráulicos para o aproveitamento da auga.Imos gozar dunha ruta arredor do patrimonio industrial recuperado e algún templo da zona, ao carón do Camiño de Santiago, ademais do único aloxamento da localidade, Finca O Bizarro.
A PONTENOVA Domingo 4 de outubro
Tras o muiñeiro namorado. Con Ana Pena
A natureza, o patrimonio e a lenda únense neste paseo polo sendeiro do rego do Cairo.
Ao longo do percorrido seguiremos os pasos do Muiñeiro Namorado, descubrindo antigos muíños, unha contorna natural de gran beleza e a historia dos dous mozos que fixeron deste lugar o escenario do seu amor.
OUROL Sábado 10 outubro
Caleiras ourolenses. Con Noela Feal
Do uso común ao total desuso.
Hai só unhas décadas, xunto á actual capital do concello de Ourol existían tres fornos de cal. De alí saía a cal para uso agrícola, gandeiro, químico, construtivo e tamén médico. Poñíase á venda nun almacén próximo (que tamén se inclúe neste plan) en Rega.
Un sinxelo pero sorprendente percorrido a pé visitando este patrimonio cultural esquecido e tan útil naqueles tempos.
FOZ Domingo 11 outubro
Historias para brindar. Con Ana Pena.
As rúas de Foz serán o escenario principal da ruta, na que imos coñecer as persoas, os acontecementos e as curiosidades que deron forma a esta vila mariñeira ao longo do tempo.
Unha viaxe entre historia e vida cotiá que rematará na cervexaría Augas Santas, cunha cata guiada de cervexas artesás exclusivas, dispoñibles unicamente neste lugar. Inclúe unha introdución ao proceso de elaboración, explicación dos ingredientes, degustación de varios tipos de cervexa con pautas de cata e maridaxe e sorpresa final.
BARREIROS Luns 12 outubro
Descubrindo as aves de Barreiros. Con Saúl Román.
Paseo de iniciación á observación de aves en Barreiros.
Esta sinxela ruta de observación de aves levará aos asistentes desde a Lagoa dos Patos ata a contorna da ría, percorrendo diferentes ambientes naturais de Barreiros e achegándose progresivamente ás zonas de maior interese para as aves acuáticas.
O paseo prestará especial atención ás aves acuáticas, limícolas e outras especies asociadas a estes ambientes, aproveitando as condicións do día e da marea para intentar localizar o maior número posible de especies. A actividade está pensada para todos os públicos, incluídas aquelas persoas que se achegan por primeira vez ao mundo da observación de aves. Non é necesario ter experiencia previa; simplemente ter a curiosidade necesaria para observar e descubrir a natureza do lugar.
O VALADOURO Sábado 17 outubro
A fraga das Lerias, un refuxio natural na serra do Xistral. Con Boris Vilar.
A gandería extensiva tradicional e os recursos naturais no Valadouro.
Na parroquia de Santa Eulalia de Frexulfe, da man da súa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, os participantes coñecerán un enclave no que se conservan os usos tradicionais da paisaxe de montaña da Mariña. O gando equino e vacún segue alimentándose nos altos da zona e nos bosques da contorna atopan refuxio distintas especies animais. Isto lembra a importancia da preservación deste tipo de espazos. Xunto a isto, a rica tradición oral do Valadouro axudará a ter unha mellor perspectiva da relación entre o ser humano e a natureza.
LOURENZÁ Domingo 18 outubro
Historias que se cultivan. Con Ana Pena.
Un percorrido que une patrimonio, natureza e gastronomía.
Visita ao antigo cine de Lourenzá, paseo á beira do río Baos e coñecemento dun dos produtos máis emblemáticos da comarca: a Faba de Lourenzá. Este plan achegará aos asistentes ata a Cooperativa Terras da Mariña para coñecer o seu labor e o proceso de produción dos produtos locais; e tamén á contorna do muíño de O Pereiro para aprender máis sobre as plantacións e o cultivo desta leguminosa. A experiencia rematará cunha pequena degustación.
MONDOÑEDO Sábado 24 outubro
Mondoñedo das letras e da música. Con Carmen Delia.
Un paseo polos fondos literarios da localidade e pola memoria das súas persoas ilustres.
Entre versos, historias e sons, Mondoñedo invita a mergullarse no seu rico legado cultural. Da man de Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, o mestre Pacheco ou algunhas ilustres voces femininas, a ruta percorrerá recunchos vinculados á historia cultural da vila, como o Museo da Imprenta, o Centro de Interpretación da Alcántara ou a Biblioteca do Seminario.
XOVE Domingo 25 outubro
O San Antonio da Rigueira e a ruta dos muíños. Con Boris Vilar.
Etnografía e lendas á beira do río.
Seguindo o curso do río Rigueira atópanse un gran número de muíños, a maioría xa abandonados, agás o muíño de Abad, que actúa como testemuña dunha das actividades máis importantes para a etnografía galega, e especialmente para o concello de Xove. Ao final do percorrido, na igrexa de San Miguel da Rigueira, poderase observar a imaxe de San Antón Ventureiro que leva asociada unha interesante lenda e que conta cunha enorme devoción, que se manifesta nunha das romarías con maior arraigo da Mariña.
VIVEIRO Sábado 31 outubro
Montes do Buio, as turbeiras de Viveiro. Con Boris Vilar
Ruta polo bosque das Saimas e o Curro do Candaoso.
A parroquia de Santo André de Boimente, na zona máis meridional do concello de Viveiro, é unha das menos concorridas da localidade. Porén, atesoura un amplo patrimonio que vai desde a presenza de distintos xacementos arqueolóxicos de interese ata a tradicional celebración da rapa das bestas. Situado aos pés dos montes do Buio, o bosque das Saimas é probablemente o último reduto do bosque húmido atlántico no municipio.
BURELA Domingo 1 novembro
Burela é pintadiña en… Con Noela Feal
As pinturas en Burela do S. XV ao XXI.
Desde as pinturas medievais que se atopan na igrexa da Vila do Medio ata as máis actuais, localizadas nas proximidades da Confraría de Pescadores de Burela, os participantes analizarán neste percorrido circular a importancia da pintura neste concello: murais e alfombras florais enchen esta vila de cor e vida ao longo do ano.
RIOTORTO  Sábado 7 novembro
O mago Merlín e o seu amigo Don Pedro. Con Noela Feal
Entre literatura e alquimia.
Coñecendo a adega que albergou o primeiro lagar de sidra natural do noroeste galego, a Bodega Don Pedro Leivas, escribiremos un novo capítulo da obra mestra de Álvaro Cunqueiro «Merlín e Familia» mediante unha ruta lineal na que se pasará por lugares xa mencionados nesa obra, como a propia morada do mago, onde rematará o percorrido.
O VICEDO Sábado 14 novembro
Entre dunas e volcáns. Con Iván Rodríguez Lombardero
Ruta xeolóxica pola praia de San Román - Arealonga-
A praia de San Román - Arealonga, no Vicedo, conta cun importante potencial para a divulgación xeolóxica. Nela aparece unha gran variedade de rochas de idade cámbrica e ordovícica, algunhas delas moi singulares, como os gneises de ollo de sapo.
Ademais, pódense analizar as formas dos seus cantís e as resultantes da interacción do mar co regato de O Vilar e o cordón dunar, o que permite interpretar a súa historia desde a orixe das rochas ata as formas e procesos actuais.
CERVO Sábado 14 novembro
San Cibrao, o ciclo vital da madeira. Con Anxo García e Juan Fernandes
Tradición e artesanía accesible na Mariña Lucense.
Descubre a vila mariñeira de San Cibrao a través dos seus oficios tradicionais, da súa historia e da súa estreita relación coa madeira e co mar.
Un percorrido que permitirá coñecer o legado dos antigos serradoiros, dos emblemáticos estaleiros, como o de Francisco Fra, con máis de 200 anos de historia, e a importancia da actividade baleeira, hoxe conservada no Museo Provincial do Mar.
Ao longo dun itinerario lineal de aproximadamente 2 quilómetros, os participantes percorrerán as distintas fases do ciclo vital da madeira, desde a súa transformación ata a súa utilización na construción naval e noutros usos tradicionais. Descubrirán o traballo dos carpinteiros de ribeira, auténticos artesáns do patrimonio marítimo, e comprenderán como a madeira, como recurso esencial, foi modelando a economía, a paisaxe e a identidade de San Cibrao ao longo dos séculos.