Os produtos oficiais da Maruxaina están á venda na caseta instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián (Cervo)

O Concello de Cervo anima a veciños, veciñas e visitantes a achegarse á caseta oficial da Maruxaina, instalada na Praza dos Campos (San Ciprián), onde xa están á venda os produtos oficiais desta nova edición da festa.

Entre os artigos que se poden adquirir figuran camisetas para home, muller e nenos e nenas, bolsas, panos, o libro da Maruxaina e dúas tazas conmemorativas desta edición. Por unha banda, a taza artística  de cerámica deseñada por Ánxel Cao, inspirada na forma dun percebe; e, por outra, a taza de barro elaborada por Saúde Mental A Mariña, que reproduce o cartel oficial da Maruxaina 2026.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros Adrián Arias e Mali Méndez, presentou a taza de barro xunto ás persoas usuarias e profesionais de Saúde Mental A Mariña, responsables da súa elaboración na propia caseta.

A rexedora destaca a implicación de todas as persoas e colectivos que colaboran para facer posible esta iniciativa: “quero agradecer a Ánxel Cao o deseño da súa magnífica taza de cerámica, así como a Saúde Mental A Mariña o excelente traballo realizado na elaboración da taza de barro desta edición. O meu agradecemento tamén á Asociación Mulleres de San Ciprián, que un ano máis colabora activamente na venda dos produtos oficiais da Maruxaina. Esta implicación colectiva contribúe a engrandecer unha festa que forma parte da nosa identidade e da que nos sentimos profundamente orgullosos”.

Desde o Concello de Cervo lembran que a compra dos produtos oficiais “contribúe á promoción da Festa da Maruxaina e permite levar un recordo único dunha celebración que é un dos grandes referentes festivos e culturais da bisbarra”.