Os xogos tradicionais proxéctanse cara ao futuro co VII Curso de formación sobre Patrimonio Lúdico do 8 ao 10 de maio en Lourenzá e Muimenta

Lourenzá e Muimenta acollerán do 8 ao 10 de maio a sétima edición do Curso de Formación sobre Patrimonio Lúdico, organizado polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, Nova Escola Galega, Xotramu, O Recuncho das Argalladas de Lourenzá e Iberia Ludens. Anunciouno a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que explica: “relatorios, mesas redondas, práctica de xogos tradicionais e visitas a museos da contorna conforman o programa destas xornadas, convocadas baixo o lema Xogo, sustentabilidade e inclusión, que incide na necesidade de dar un paso máis na posta en valor dos xogos de sempre ofrecendo respostas ás necesidades da sociedade actual”. 

O curso, que se presentou este xoves, 16 de abril, no Pazo de San Marcos coa presenza de membros dos colectivos organizadores, da deputada de Cultura, Iria Castro; da concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro; e do alcalde de Cospeito, Armando Castosa, “encádrase nas actividades de recuperación, divulgación e formación que o Observatorio e as entidades que o integran, así como persoas investigadoras a título particular, desenvolven desde hai máis dunha década arredor do patrimonio lúdico galego, un dos máis ricos da Pensínsula Ibérica”.

A organización formula como obxectivos do encontro “analizar o xogo tradicional como manifestación cultural, poñer en común a función do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito educativo, deportivo e cultural ou investigar estratexias de recuperación do patrimonio lúdico desde a perspectiva das necesarias respostas aos retos de sustentabilidade e inclusión”.

As xornadas inclúen tamén diversos obradoiros “nos que practicar unha importante batería de xogos e deportes de diferente tipoloxía e descubrir as posibilidades da autoconstrución de xoguetes a partir de materiais naturais e de refugallo”.

As actividades concluirán cunha visita a Lourenzá, onde as persoas participantes visitarán o Museo do xoguete tradicional O recuncho das argalladas e a exposición Don Paco, o pícaro argalleiro, concebida polo ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O interese do intelectual laurentino pola cultura lúdica galega centrará a conferencia de clausura das xornadas que ofrecerá  Xosé Manuel Beiras, amigo persoal de Del Riego.

Noelia Darriba, de Xotramu, sinalou: “cremos que é un curso moi interesante para as persoas que queiran aproximarse e coñecer máis sobre o patrimonio inmaterial que son os xogos tradicionais, con conferencias, relatorios, mesas redondas, sesións prácticas e un espazo para presentar comunicacións para aquelas persoas que queiran contribuír cos seus coñecementos”

A deputada provincial Iria Castro valorou “o traballo que se fai desde o ámbito asociativo para recompilar e poñer en valor o patrimonio lúdico, con Muimenta como lugar de referencia, grazas a unha entidade pioneria como Xotramu” e  destacou “o interese que sempre nos transmiten de chegar ás novas xeracións e proxectar os xogos tradicionais como un legado para o presente e para o futuro”.

A responsable de Cultura lembrou as últimas iniciativas impulsadas desde a Vicepresidencia da Deputación en relación co xogo tradicional, como a edición dos libros Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida e Xogos tradicionais e populares dos Ancares.

As inscricións para participar no curso poden realizarse ata o 30 de abril nun formulario en liña dispoñible na web xogostradicionais.gal.