Ourol conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller con actividades os días 23 e 25 de novembro

O Concello de Ourol súmase un ano máis á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha programación que “combina a expresión musical e a participación cidadá como vías de sensibilización e compromiso social, baixo o lema Ourol di non á violencia contra a muller”. Os actos arrancarán o domingo 23 de novembro ás 17:00 horas no Centro Social de Merille, cun espectáculo musical da cantautora galega Su Garrido Pombo, titulado Patios de luz, “unha proposta que convida á reflexión a través da música e da palabra”. O martes 25 de novembro ás 12:30 horas celebrarase a VII Andaina da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun percorrido simbólico polo Paseo da Rega de Ourol, no que se realizará a lectura institucional dun manifesto de rexeitamento á violencia machista. A actividade está aberta a toda a cidadanía e non require inscrición previa. Durante ambos eventos distribuiranse trípticos e guías de recursos de apoio e prevención contra a violencia de xénero, elaborados polo propio Concello, Xunta de Galicia e a Asociación de Mujeres en Igualdad Provincial de Lugo (Bumei).

Con esta programación o Concello de Ourol “reafirma o seu compromiso coas políticas de igualdade e coa construción dunha comunidade libre de violencias”.

Estas actividades están financiadas con fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ourol (Teléfonos 982.559 109  e 677.489.457).