A parroquia ribadense de Arante celebra o 22 de abril unha mostra de razas autóctonas. A veciñanza reivindica a tradición gandeira da zona.

A parroquia ribadense de Arante celebrará este sábado a primeira mostra de razas autóctonas. A Asociación de Veciños de Arante organiza, coa colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo, esta mostra que pon en valor o traballo de gandeiras e gandeiros e visibiliza as características diferenciais das razas autóctonas galegas e dos produtos derivados.

A mostra dará cabida a exemplares de rubia galega e outras razas bovinas autóctonas, ovella e cabra galegas, galiña de Mos, cabalo de Pura Raza Galega e Porco Celta,  grazas á implicación das asociacións gandeiras Acruga, Puraga, Asoporcel e Boaga, que terán posto informativos na mostra.

A feira incluirá tamén venda de produtos agroalimentarios procedentes de razas autóctonas e de produtores da contorna, para poñer en valor as producíosn locais e fomentar o mercado de proximidade.  A apertura do recinto será ás 10.00 horas, punto de inicio dunha xornada lúdica que inclúe unha comida popular, unha carreira de cabalos,  xogos tradicionais e verbena.

A organización agarda unha boa acollida desta primeira edición da feira, que poñen en marcha coa vontade de consolidala no calendario anual de feiras e mostras de gando da Mariña.

Na presentación do cartel, na que participaron  Jorge  Moreda, membro da asociación organizadora e os concelleiros ribadenses Pablo Vizoso, Jorge Díaz e Marcos Villami, valorou “a iniciativa da veciñanza de Arante, que con esta mostra reivindica e pon en valor a tradición gandeira da parroquia e o traballo nas gandeirías e granxas, unha actividade fundamental para xerar riqueza e manter a poboación no rural”.

A responsable provincial destacou a importancia destas citas gandeiras “que contribúen a promocionar  as razas autóctonas e os seus produtos derivados ante o sector e ante a sociedade no seu conxunto, colaborando neste obxectivo coas asociacións gandeiras e entidades implicadas na sùa recuperación e conservación”.

Nesa liña, destacou “que a Mariña é unha comarca de referencia neste eido, con feiras e mostras gandeiras en case todos os concellos, especialmente nos do interior, que contan coa colaboración da  área de Medio Rural da Deputación de Lugo, sexa económica, técnica ou loxística”.