
Pista de xeo, Ribaxogo e musicais son algunhas das propostas de Ribadeo para este Nadal. A programación foi presentada este xoves.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anunciou que “a programación do Nadal 2025 en Ribadeo inclúe moitas citas culturais, como Ribadeo canta ó Nadal este venres despois do acendido do alumeado navideño. Teremos Noite de Góspel, co grupo africano Aba Taano, o día 5 no auditorio; Festival de Nadal da EMMeD o día 13; concerto de panxoliñas con varias corais o 21 na igrexa parroquial e da Banda Municipal de Música de Ribadeo no auditorio o 27”.
A edil ribadense engadiu: “gozaremos dun concerto a dúo de Ughía Pedreira o 28, dentro da programación Nadal en Rede da Xunta de Galicia. E non podían faltar actividades para a picaraxada: teatro familiar con Trécola teatro o 14 ás 17:00 horas, contacontos na biblioteca o 19, maxia o 20 no auditorio e dous musicais: Aladdin e Mago de Oz o 4 e o 10 de xaneiro no auditorio”.
A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, declarou: “damos a benvida ao Nadal: un tempo entrañable, de familia, de amigos, de xuntanzas. E chega cargado de actividades para todos os públicos. Mañá, venres, será a inauguración do alumeado ás sete da tarde dende o cruce das Cuatro Calles, ao mesmo tempo que abre o xa tradicional Mercado do Nadal no Parque de San Francisco”.
Saiz subliñou que “un ano máis contaremos coa pista de xeo e Ribaxogo xunto con actividades culturais, musicais, gastronómicas, … que darán a Ribadeo un dinamismo comercial que seguro aportará un impacto económico moi importante para o sector” E engadiu: “por suposto, hai que agradecer ás entidades asociativas a súa participación e desexarlles a veciños e visitantes que disfruten destas datas: do comercio, da hostalería e de todas as actividades que Ribadeo ofrece”.
No acto de presentación da programación de Nadal participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras e concelleiros Begoña Sanjurjo, Marta Saiz, Elena Sierra, Francisco José Silvent e Diego dos Santos, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.


