A proba automobilística XIII edición da Subida á Pontenova celebrarase do 26 ao 28 de xuño

A Xunta de Galicia anuncia que apoia a proba automobilística XIII Subida á Pontenova, que se celebrará na localidade entre os días 26 e 28 de xuño. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou na presentación desta competición, que é puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Montaña.

Villares destacou que “a notable afección ao automobilismo que temos en Galicia exhíbese estes días na Pontenova, o que converte a proba nun dos principais elementos de dinamización turística, económica e social do concello”.

A competición constará dun percorrido de 4,8 quilómetros pola estrada LU-4803 entre A Pontenova e Augaxosa, cun desnivel de 260 metros e unha pendente media de 5,40%; disputarase en dúas mangas o sábado pola tarde e outras dúas o domingo pola mañá.

A Xunta de Galicia tamén explica que a Secretaría  Xeral para o Deporte colabora coa Escudaría A Pontenova e tamén coa Federación Galega de Automobilismo, coa que asina anualmente un convenio de colaboración para o desenvolvemento do calendario de competicións e outras actividades.