A programación de outono na Casa da Cultura de Burela inclúe teatro, música, humor e espectáculos familiares ata decembro

O Concello de Burela continúa coa axenda cultural de outono da Casa da Cultura, unha proposta que reúne diferentes disciplinas artísticas e ofrece alternativas para públicos de todas as idades ata decembro.

“A programación de outubro arrancou o pasado venres co espectáculo O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, de Tarabela Creativa, e Os descontacontos, de Galitoon, ademais do obradoiro de monicreques de calcetín”, explica o Concello de Burela, que engade: “de aquí en diante este ciclo de outono dará cabida ao teatro da man de compañías como Ibuprufeno Teatro, Trípode Teatro, Elefante Elegante, Neboa Events ou o grupo de teatro Ardora; ademáis do monólogo Moi Animal, de Touriñán, ou a proxección do documental Prisciliano e a Gallaecia”.

Tamén anuncia que “a música será a protagonista nas actuacións da Coral Polifónica de Burela ou no tributo musical a Mecano, La Oreja de Van Gogh e Amaral; mentres que os espectáculos familiares completan un cartel que inclúe marionetas, teatro musical e teatro-circo. Entre estas propostas están Cuentos musicales de Olaf, Grela quere ser druída e Ciencia Malabar”.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, pon en valor a diversidade da oferta, explicando que “esta axenda cultural permite que persoas de diferentes idades poidan gozar de propostas moi variadas, desde o teatro e a música ata o humor e os espectáculos familiares”. Ademais destaca o papel da Casa da Cultura como “espazo de encontro para a actividade artística e cultural do municipio, con propostas que buscan achegar ao público diferentes formatos e experiencias ao longo do outono e do Nadal”.