
Este martes, 14 de abril, deron comezo en Ribadeo os actos conmemorativos do ano dedicado á figura do presidente do Goberno e alcalde honorario deste Concello, Leopoldo Calvo Sotelo. Están organizados polo Concello coincidindo co centenario do seu nacemento. Houbo unha ofrenda floral no cemiterio municipal que realizaron o alcalde, Dani Vega; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e unha das netas de Calvo-Sotelo. O Trío de Cámara da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova interpretou Alfonsina y el mar e concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, recitou o poema de Manuel María O meu barco, debido á conexión de Leopoldo Calvo-Sotelo coa ría. A continuación tivo lugar un pleno extraordinario no Pazo de Ibáñez para declarar este 2026 como o ano Leopoldo Calvo-Sotelo. O Concello traballa na organización de diferentes actividades como unha exposición fotográfica, un espazo na Biblioteca El Viejo Pancho, un congreso en xullo así como a divulgación da súa figura nos centros de ensino de Ribadeo Ademais o Concello, a Real Academia Galega de Ciencias Morais e Políticas, o Colexio de Enxeñeiros e a Fundación Transición solicitáronlle á Comisión Filatélica do Estado a emisión dun selo conmemorativo. O Grupo Planeta editará un volume dedicado a Calvo-Sotelo e tamén haberá actividades musicais, que deron comezo coa actuación esta tarde da Coral Polifónica de Ribadeo, que interpretou dúas habaneras ao remate da misa in memoriam de quen fora presidente do Goberno do Estado. A encargada de presentar toda esta programación foi a concelleira de Cultura, que subliñou que “Ribadeo forma parte da historia de Leopoldo Calvo-Sotelo. E el forma parte da historia de Ribadeo. Recoñecelo, é simplemente, un acto de memoria”.
Na sesión plenaria interviñeron Juan Calvo-Sotelo, fillo do homenaxeado, que aludiu á súa faceta máis persoal, ao seu amor pola pesca, pola ría, polo mar, polas praias e pola música. E tamén se referiu a todos os recoñecementos que ao longo dos anos o seu pai recibiu de Ribadeo, do Concello, do Club Náutico, da Coral Polifónica ou da Confraría de Pescadores.
Antonio Martínez, alcalde de Ribadeo na época na que Calvo-Sotelo foi presidente do Goberno, referiuse ao seu apoio constante para o despunte de Ribadeo no ámbito de infraestruturas como a Ponte do Santos, entre outras, e tamén en materia de sanidade.
Miguel Santalices, presidente do Parlamente de Galicia, e Dani Vega, alcalde de Ribadeo, puxeron de releve o talante de Leopoldo Calvo-Sotelo, o papel que xogou na transición española, a súa visión europeísta, e definírono como defensor das autonomías. O 18 de maio de 1981 firmou o Estatuto de Galicia.
O rexedor municipal ribadense agradece a asistencia aos actos de todas as autoridades autonómicas, provinciais e locais, á familia Calvo-Sotelo, ás súas amizades e tamén a todas as veciñas e veciños que esta tarde encheron o Salón de Plenos do Concello. Dani Vega subliñou que “por primeira vez na historia de Ribadeo o presidente do Parlamento de Galicia co presidiu un pleno deste Concello”. O acto rematou coa interpretacións dos himnos galego e español.


