Ribadeo acolle o primeiro Foro Down "Tan iguais coma diferentes" da provincia. Será o 25 de outubro

Ribadeo acolle o primeiro Foro Down Tan iguais coma diferentes da provincia. Será o 25 de outubro ás 10:00 horas no auditorio municipal en colaboración coa Asociación Down Lugo e a Xunta de Galicia.

O Concello de Ribadeo, a través da Área de Benestar Social, Saúde e Familia, organiza xunto coa Asociación Down Lugo o Foro Down, aberto para toda a poboación que queira asistir, e que ten como finalidade dar visibilidade ás capacidades das persoas con discapacidade, promover a diversidade e impulsar a súa plena inclusión na comunidade.

A concelleira Elena Sierra sinala que “este encontro quere ser un espazo de aprendizaxe, participación e convivencia, no que a sociedade poida coñecer de preto as experiencias e o talento das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, fomentando así unha mirada positiva e inclusiva”.

O programa do Foro inclúe diferentes propostas durante todo o vindeiro sábado, 25 de outubro, comezando no auditorio cunha conferencia do doutor Gonzalo Berzosa, experto en down na inclusión e diversidade, que achegará unha reflexión enriquecedora sobre a importancia da inclusión iniciada na familia e como medra na asociación na vida adulta. Haberá actividades creativas a cargo da asociación As Vacas Fracas para os membros da Asociación Down Lugo, que dinamizarán a xornada cunha proposta lúdica e participativa. A comida compartida entre os organizadores e colaboradores, coa colaboración de Galipizza, que apoia o evento ofrecendo a súa contribución gastronómica. E, por último, no Teatro municipal terá lugar unha representación teatral gratuíta para todo o mundo protagonizada polas persoas con síndrome de Down do teatro da Asociación Down Lugo, unha mostra de talento e capacidade artística que porá o broche de ouro ao foro.

O alcalde, Dani Vega, declara: “o noso compromiso continúa coa inclusión social e co recoñecemento das persoas con diversidade funcional, convencidos de que a diversidade nos enriquece e fortalece como comunidade. Este foro é o inicio dunha colaboración coa Asociación Down Lugo que continuará en 2026, cun traballo encamiñado a dar visibilidade e inclusión ás persoas con algunha discapacidade e que é posible grazas tamén á Xunta de Galicia”.

“Dende o Concello de Ribadeo animamos a toda a veciñanza a participar neste Foro Down, a compartir experiencias e a sumar esforzos por un Ribadeo máis aberto, respectuoso e solidario”, subliña o rexedor ribadense.