
Os días 19, 20 e 21 e setembro de 2025 celebrarase no Salón de Alcaldes do Concello de Ribadeo a XX edición das Xornadas Mar por Medio, promovidas inicialmente polo hispanista británico John Rutherford e que organiza desde hai tres anos a Academia Xacobea, en colaboración co Concello de Ribadeo, a Secretaría Xeral da Lingua (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia) e a Universidade de Santiago de Compostela.
A edición deste ano estará dedicada ao tema Ribadeo, encontro de Camiños “para poñer de manifesto non só a tradición xacobea da vila de Ribadeo, porta de entrada a Galicia do Camiño Norte, unha ruta histórica declarada Patrimonio da Humanidade, senón tamén como lugar de acollida, encontro e dinamización de actividades relacionadas cos valores do Camiño de Santiago”, anuncia a organización.
As xornadas comezarán o venres 19 de setembro ás 18 horas cun saúdo do alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e do presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agís. Seguirá despois unha mesa redonda tituladas Facendo Camiño, na que participarán representantes da Xunta de Galicia, o Principado de Asturias, a Deputación de Lugo, as Universidades de Santiago de Compostela e Oviedo e o Concello de Ribadeo.
O sábado 20 de setembro, a xornada contará pola mañá cunha mesa redonda, dedicada ao tema Galicia e Asturias unidas polo Camiño, na que participarán profesores das Universidades de Oviedo e Santiago, e cunha conferencia de Manuel Valín, dedicada a glosar a historia destes 20 años das Xornadas Mar por Medio.
A tarde comezará cunha mesa redonda dedicada ao tema A Peregrinación: Encontro de culturas. Os xubileo de Santiago, Roma e Xerusalén e concluirá coa conferencia O Camiño de Santiago como modelo de turismo rexenerativo.
Ademais das actividades académicas destacan os actos musicais e lúdicos integrados no programa: o concerto de Manoele de Felisa ao finalizar a sesión do venres; o da Coral de Ribadeo ao finalizar a tarde do sábado e o Roteiro Cultural Tras os pasos da Orde Franciscana, que comezará ás 10 da mañá do domingo.
A inscrición nas xornadas estará dispoñible na páxina web da Academia Xacobea entre os día 8 e 18 de setembro.