Ribadeo dedicará o ano 2026 a Leopoldo Calvo-Sotelo, coincidindo co centenario do seu nacemento. Os primeiros actos terán lugar este martes, 14 de abril

Ribadeo dedicará o ano 2026 á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, coincidindo co centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. Os primeiros actos terán lugar este martes, día 14 de abril. Haberá unha ofrenda floral, un pleno extraordinario e tamén un acto litúrxico.

O alcalde, Dani Vega, anunciou: “este ano 2026 celebramos o centenario do nacemento de Leopoldo Calvo-Sotelo e desde o Concello queremos dedicarlle este ano baixo a reflexión, o debate e tamén o recordo da súa pegada. Pai da democracia, peza fundamental na transición, aperturista ante as novas realidades naquel entón da economía de Europa, entramos na OTAN, e defensor das autonomías, dado que o 18 de maio de 1981 tamén firmou o Estatuto de Galicia, un presidente galego firmou o Estatuto Galego”.

O rexedor considera que “o Concello de Ribadeo non pode esquecer a unha persoa que foi un gran presidente en pouco tempo, pero un gran presidente para España e evidentemente unha persoa que foi un alcalde sen ser elixido, sen presentarse a esas eleccións, pero un alcalde onde contribuíu á maior inversión, á maior industria que ten Ribadeo, que é a Ponte dos Santos, o abastecemento de auga, a Avenida de Galicia, é dicir en infraestruturas tamén foi importante, en materia de turismo As Catedrais, en definitiva, foi un gran colaborador porque así el sempre o dixo, que tiña unha devoción por Ribadeo”.

Vega subliñou que “este ano vamos dedicarllo, non soamente a recordar a figura, senón a debater e reflexionar sobre ese político que tivo España, que estivo pouco tempo na presidencia do goberno, pero si que tivo unha pegada importante”.

Este martes pola tarde haberá varios actos en Ribadeo: “o pleno extraordinario o que quere é declarar o ano Leopoldo Calvo Sotelo. Empezaremos os actos cunha ofrenda floral ás 18 horas no cemiterio municipal, celebraremos o pleno ás 19 horas, onde vai ter quenda de palabra Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura, Educación e Igualdade, que nos vai explicar todos os eventos, todos os actos que se van a organizar durante todo este ano. Por parte da familia intervirá Juan Calvo-Sotelo, tamén tomará a palabra Antonio Martínez, que foi alcalde de Ribadeo, un gran alcalde que tivo a oportunidade de xestionar moitos dos recursos que acabo de explicar. El achegaranos a todo o que se fixo nesa época, que foi moito e ben. E acudirá un presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e será a primeira vez na historia que vai copresidir un pleno en Ribadeo e creo que é importante que a máxima institución de Galicia teña presenza neste acto, como dicía hai uns instantes, dado que o presidente Calvo Sotelo firmou o 18 do 5 de 1981 o Estatuto vixente, o Estatuto de Galicia”, seguiu a relatar.

O alcalde, Dani Vega, dixo tamén que “estes actos o que queren é recordar, queren reflexionar e debater sobre unha figura importantísima. Remataremos a xornada de mañá cunha cerimonia litúrxica, a celebración da misa ás oito da tarde, na que tamén vai participar a Coral Polifónica de Ribadeo”.  E engadiu: “creo que son actos para poñer en valor un presidente que era de Ribadeo, un presidente do Goberno que levou sempre a Ribadeo, tiña devoción polo noso pobo, e eu creo que a frase que está no Salón de Plenos é clara e explica moi ben o que queremos facer: Que honra ao seu pobo debe ser honrado”.