Ribadeo súmase á campaña internacional "Quere o teu mercado" con diversas actividades que terán lugar o 26 de maio na praza de abastos.

O Concello súmase á campaña internacional Quere o teu mercado con diversas actividades, que terán lugar o vindeiro sábado, día 26, na praza de abastos. 

Segundo explica a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, “co obxectivo de apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercado na nosa vila, potenciado así a compra do produtos locais e mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras, o Concello participa  na campaña Quere o teu mercado, en colaboración coa Xunta de Galicia”.

Quere o teu mercado (Love your local market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Whole sale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

Martínez dixo que “Ribadeo quere participar dentro desta campaña e celebrar o día dos mercados na vindeira mañá do sábado, 26  de maio, na praza de abastos Ribadeo, onde se desenvolverán diversas actividades que animarán a mañá e fomentarán o mercado coma un espazo de vida e compra esenciais dentro das nosas vilas”.

Haberá un concerto da Malquerida ás 12:15 horas; un obradoiro de cociña para pícar@s a partir das 12 do mediodía; degustación de petiscos con produtos do mercado e a partir das 11:00 horas degustación de produtos locais como cervexa e mel. Ese día celebrarase tamén o mercado da horta dos sábados. 

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local animan a participar en todas estas actividades.