San Cosme de Barreiros acollerá o Mercadiño no Outono o 13 de outubro

O domingo día 13 de outubro terá lugar unha nova edición dos mercadiños estacionais que organiza o Concello de Barreiros e que “volverá encher a Praza do Concello de postos e actividades nos que a veciñanza poderá disfrutar dunha xornada festiva de compras nos distintos postos de artesanía e alimentación. Tamén volveremos desfrutar das saborosas degustacións de produtos de porco celta, coas mini hamburguesas que tan bo éxito tiveron no anterior mercadiño de primavera e tamén, como novidade neste mercadiño, poderemos degustar croquetas e empanadillas que se elaboran desde fai pouco tempo en Barreiros e que se poderá acompañar doutro produto feito neste concello, a cervexa artesá Augas Santas fabricada en San Xusto”, anuncia o Concello.

Haberá actividades para todos os públicos, música en directo, as xa habituais actividades da tarde para crianzas, obradoiros, posto de libros solidarios, degustación de castañas asadas,… E rematará a xornada co sorteo de 2 cestas de produtos do mercadiño.