
O Concello de Trabada anuncia que colabora un ano máis coa organización das Festas de Santiago e Santa Ana na parroquia de Santiago de Abres, “unha celebración singular que une á veciñanza da parte galega e asturiana nun ambiente de convivencia, tradición e música”.
As festas darán comezo este sábado, 19 de xullo, co Campionato de Balinera con carabina, organizado no Campo da Festa a partir das 19:30 horas. A continuación celebrarase unha churrascada popular, amenizada polo DJ Marcos.
A programación continuará o xoves 25 de xullo cunha misa solemne ás 13:00 horas, seguida dunha sesión vermú co dúo Belinda, e pola noite, verbena coa actuación das orquestras Suavecito e Costa Dorada.
O sábado 26 de xullo terá lugar outra xornada de celebración con misa, sesión vermú coa música de DJ Pedro Brmudz, e para rematar, unha verbena con El Combo Dominicano, a discoteca móbil Mandala Macroshow e unha nova sesión do DJ Pedro Brmudz.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “esta festa é un exemplo do espírito de unión e colaboración entre veciños de Galicia e Asturias. A parroquia de Santiago de Abres simboliza esa irmandade entre territorios que comparten historia, cultura e vínculos familiares”.