A sétima edición do proxecto Camiño Escena Norte rematará en Ribadeo o 26 de outubro coa compañía asturiana Ziz Zag Danza

O peche desta sétima edición de Camiño Escena Norte chegará da man da compañía asturiana Zig Zag Danza. Postales Rotas, a súa premiada proposta de danza contemporánea para todos os públicos que aborda a realidade da migración en Asturias nos séculos XIX e XX -Premio Oh! das Artes Escénicas 2025 ao Mellor Espectáculo e Premio Jovellanos á Produción Escénica 2024- poderase ver o domingo 26 de outubro no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo.

A venda de entradas será desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio e o prezo é de 3 euros.

Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025 tamén chega a un novo territorio: A Rioxa.

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto. 

Neste 2025 CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial, nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais CEN conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.