
Todo está listo en Foz para a celebración de San Valentín. O Centro Comercial Aberto celebrará esta data sorteando 400 euros en vales de compra e unha escapada romántica. A campaña desenvólvese entre os días 2 e 18 de febreiro.
O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, conta que “aquelas persoas que fagan as súas compras por importes superiores a 10 euros no noso comercio entre os días 2 e o 18 de febreiro poderán entrar no sorteo de 4 vales de compra de 100 euros cada un e dunha escapada romántica. O sorteo farémolo en Radio Foz o día 19 de febreiro”.
Paleo anima “a apostar unha vez máis polos negocios locais nos que podemos atopar todo o que precisamos par sorprender ás nosas parellas. Na hostalería de Foz tamén haberá propostas gastronómicas para celebrar o día de San Valentín”.
Outro clásico destas datas é o doce afrodisíaco, unha cita na que participan Anduriña, Los Dulces de Delphine e Xoyma, que ofrecerán as súas preparacións os días 13, 14 e 15 de febreiro.
Acia Foz-CCA conta para esta campaña coa colaboración de Comercio Galego, Xunta de Galicia e Concello de Foz. Na presentación participaron o presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo; o alcalde, Fran Cajoto; e a concelleira de Comercio, Kathy Navarro.
Entroido
Todos os locais asociados a Acia Foz-CCA dispoñen de cartelería específica do Entroido para esta cita tan especial na que se pode ler: Isto é Foz, aquí hai Carnaval.
Cancro
E os locais asociados contan con cartelería do Día Mundial contra o Cancro e mañá, 4 de febreiro, lucirán lazos verdes nos seus escaparates “como mostra de apoio e solidariedade desde a nosa asociación”.


