Trabada acolle do 28 ao 31 de xullo unha nova edición do Programa Veiguello con actividades culturais en diferentes parroquias

A Asociación Cultural Veiguello organiza, coa colaboración do Concello de Trabada e da Deputación de Lugo, o programa Veiguello 2026, que se desenvolverá entre os días 28 e 31 de xullo en diferentes parroquias do municipio.

O Concello de Trabada explica que esta iniciativa “volve apostar pola recuperación da memoria colectiva, a fotografía e o cine como ferramentas para poñer en valor a historia, o patrimonio e as vivencias da veciñanza, ao tempo que fomenta a participación e a creación cultural”.

O programa dará comezo o martes 28 de xullo, ás 17:00 horas, no Teleclub de Vilaformán, coa actividade Memoráreo, un encontro arredor de fotografías antigas no que se anima á veciñanza a participar levando imaxes antigas ou relacionadas coa emigración para compartir recordos e historias, nunha xornada que contará tamén cunha merenda.

Durante os días 29 e 30 de xullo desenvolverase Cine do Eo, coa gravación de curtametraxes en diferentes parroquias da man dos cineastas Nela Fraga e Enrique Otero.

Nesas mesmas datas, de 10:00 a 14:00 horas, celebrarase tamén Trabada Muchachada, unha actividade dirixida á mocidade no Teleclub de Vilaformán e arredores na que aprenderán a facer cine coa complicidade do actor Miguel de Lira.

A programación rematará o venres 31 de xullo ás 20:30 horas en Vilapena, coa proxección dun resumo dos traballos realizados durante estes días, antes da tradicional churrascada.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca a importancia da colaboración co tecido asociativo do municipio: “desde o Concello queremos agradecer o traballo da Asociación Cultural Veiguello por impulsar un programa que

combina cultura, memoria e participación veciñal. As asociacións do noso concello desempeñan un papel fundamental á hora de dinamizar as parroquias e ofrecer actividades de calidade ao longo de todo o ano”.

O Concello de Trabada anima á veciñanza a “participar nas diferentes actividades programadas e a seguir apoiando iniciativas que contribúen a conservar a memoria colectiva e a dinamizar a vida cultural do municipio”.