
O Concello de Trabada organiza unha nova edición do Tapeo de Trabada, unha iniciativa gastronómica que terá lugar os días 27, 28 e 29 de marzo.
Nesta edición participarán tres locais, que ofrecerán diferentes propostas gastronómicas cun prezo por tapa de 2,50 euros, “permitindo á veciñanza e ás persoas visitantes desfrutar da gastronomía local nun ambiente de convivencia”, anuncia o Concello de Trabada
Os establecementos participantes son A Taberna da Curuxeira, que ofrecerá Tenreira da avoa e Petiscos de mar; Mesón Camiño Norte, con Milfollas de porco ó noso xeito e Cunca de flor mariñeira; e O Porfirio, onde haberá Albóndiga de merluza en salsa verde e Brochetas de cerdo ó noso estilo
Con esta iniciativa, o Concello de Trabada busca “seguir dinamizando a hostalaría local e fomentar a participación nun evento que combina gastronomía, convivencia e promoción do municipio”.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou: “desde o Concello continuamos organizando diferentes actividades e eventos ao longo do ano para contribuír a dinamizar a economía local e apoiar aos establecementos do noso concello”.
Desde o goberno municipal animan tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a achegarse durante esa fin de semana para “participar nesta nova edición do Tapeo e descubrir as diferentes propostas gastronómicas preparadas polos locais participantes”.


