Valboa, en Trabada, celebrará a festa de San Fernando o sábado 30 de maio

O alcalde de Trabada, Rubén García, xunto cos membros da asociación Cabaleiros de Trabada, presentaron o cartel dunha nova edición da celebración de San Fernando, que terá lugar o vindeiro sábado 30 de maio na Capela de San Fernando, en Valboa.

Este evento, organizado conxuntamente polo Concello de Trabada e a asociación Cabaleiros de Trabada, “volve apostar pola recuperación e posta en valor das tradicións locais, cunha xornada completa de actividades para todos os públicos.

A programación dará comezo ás 9:30 horas coa saída a cabalo desde o pavillón municipal ata a capela de San Fernando. Ás 12:00 horas celebrarase a misa e procesión, acompañada de gaitas, e a continuación terá lugar a sesión vermú, amenizada por The Sound Project. Ao longo da xornada tamén haberá exposición de gando cabalar, degustación gratuíta de empanada de poldro e mercado de produtos de proximidade. Xa pola tarde, ás 14:30 horas, celebrarase unha comida campestre, con actuacións musicais posteriores.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou: “continuamos promovendo e recuperando tradicións do noso concello, neste caso da man da asociación Cabaleiros de Trabada, cun traballo conxunto que nos permite seguir dinamizando a vida social e cultural do municipio”.

Desde o Concello animan a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta xornada, que “combina tradición, gastronomía e convivencia nun entorno privilexiado”.