
O venres 12 de decembro celébrase a VII Gala do Emprendemento Local no concello de Xove organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.
O Concello de Xove anuncia que “co obxectivo de poñer en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local, no salón de actos municipal ás 20:30 horas dará comezo a gala na que se exporán dous proxectos emprendedores. As súas persoas emprendedoras explicarán como xurdiu a súa idea empresarial, cales foron as principais motivacións, cales cren que son as súas calidades como persoas emprendedoras, cales son os puntos fortes da súa empresa, como foi o proceso de creación empresarial: avaliación da idea, busca de financiación, busca de clientela, tramitacións, axudas,atrancos cos que se atoparon, se volverían facelo e que plans de futuro teñen. Os proxectos emprendedores son: Casa Labradela, José Ángel e Shaila García González contarán como decidiron hai catro anos diversificar a explotación de seus pais e avós introducindo a cría de porco celta e profesionalizándose na apicultura, como é o día a día de atender unha parcela de 9 hectáreas, a satisfacción de manter vivo o legado familiar transformándoo nun proxecto de futuro e as dificultades para transmitir á seguinte xeración o valor de medrar nun rural sostible; e Estética Marta, Marta Louzao Gato falará de cando en 1988 creou o seu centro de estética, aos 18 anos, apostando polo autoemprego no seu pobo, como o seu negocio foi evolucionando ata converterse nun negocio punteiro que xerou 3 postos de emprego e no que se aposta pola trato próximo, a formación continua, o servizo de calidade e a confianza”.
“Esta gala celébrase para pór en valor o emprendemento (especialmente o das mulleres), o desenvolvemento sostible, o talento, a lingua galega, o sinxelo, o rural, o sólido, o apoio mutuo, o respecto, a creatividade, a confianza, a responsabilidade, o comercio local, o próximo, o compromiso. Con seguridade estas experiencias emprendedoras serán exemplos a seguir, serán referentes para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial”, engade o Concello de Xove, que tamén explica que “o Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local está a disposición para ofrecer asesoramento, porque non é suficiente ter unha boa idea, é preciso avaliala e darlle forma chegando á elaboración dun plan de empresa viable”.
O Concello de Xove anuncia ademais que “a gala deste ano vai converter o salón de actos local nun cabaret, porque así é a vida, porque, en concreto, así é emprender: saír a escena sen rede, sen certezas, con maquillaxe, con ilusión e con feridas”.
O alcalde, José Demetrio Salgueiro Rapa, presentará a gala, na que, “ademais das intervencións anteditas, contaremos con Dani Ríos, que será o mestre de cerimonias do particular cabaret no que se transformará o salón de actos; el é músico e cantante, un showman que guiará a gala poñendo humor e cancións. Contaremos tamén coa actuación musical de Monserrat Expósito Cao (soprano), acompañada ao piano por Martín Buchi Zimerman. Tamén cun número de danza interpretado e coreografiado para a ocasión por Elsa Palacios Gómez”.
A entrada á gala é libre, gratuíta e aberta todos os públicos ata completar aforo. As portas abriranse ao público ás 20:15 horas.


