Viveiro celebrará as Letras Galegas cun programa de actividades culturais que se desenvolverán do 15 ao 17 de maio

O Concello de Viveiro desenvolverá entre os días 15 e 17 de maio un programa de actividades con motivo da celebración das Letras Galegas. A proposta inclúe obradoiros, conferencias, concertos, teatro e iniciativas de animación cultural en varios espazos do municipio.

A programación comezará o venres 15 de maio, ás 18.00 horas, cun obradoiro de letteringna Biblioteca Municipal, dirixido a público a partir de 7 anos. As inscricións poden realizarse no teléfono 982 570606 e as prazas son limitadas. Ás 19.30 horas celebraranse as II Xornadas de Violoncello, cunha conferencia de Adrián Pereiro, luthier, e a presentación do proxecto «Un chelo, catro historias», no salón de actos do Conservatorio. A xornada completarase ás 20.00 horas co acto homenaxe «Hernán Naval» no Teatro Pastor Díaz, organizado por Colectivo Pensamento e Sementeira.

A Praza Maior será escenario o sábado 16 de maio, ás 12.00 horas, da actuación de Bágoas da Terra-Grupos Infantís, con Pinousa, Ledaíña e Abrende, ademais de seis pandeireteiras infantís. Pola tarde, ás 18.30 horas, terá lugar no salón de actos do Conservatorio o concerto do conxunto de violonchelos do CMUS de Viveiro e do CMUS da Coruña. Ás 20.00 horas, o Teatro Pastor Díaz será escenario da representación da obra «Oficina de Emprego», a cargo do Grupo de Teatro de Aspanane.

O domingo 17 de maio, ás 12.00 horas, levarase a cabo a interpretación do himno galego por parte David Bellas, artista e profesor do CMUS de Viveiro, na Praza Maior.A continuación terá lugar a actuación da Coral Alborada. Ademais, as librarías estarán abertas na Praza Maior. No caso de choiva, esta actividade celebrarase no Teatro Pastor Díaz. Pola tarde, ás 19.30 horas, o Teatro Pastor Díaz acollerá a representación da obra «Begoña Caamaño. O transgredir das ondas», con entrada de balde ata completar aforo.

Con esta programación, o Concello de Viveiro súmase á celebración das Letras Galegas cunha proposta que ten como obxectivo promover a lingua e a cultura galegas a través da música, da literatura, da escena e da participación cidadá.