Viveiro conmemora o 25N cunha andaina pola igualdade e actividades na Pista Violeta

O Concello de Viveiro prepara dúas propostas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller: unha andaina organizada xunto a Bumei Galicia e unha xornada de actividades na Pista Violeta, coa participación de entidades educativas e deportivas do municipio.

A primeira cita será este sábado, 21 de novembro, coa Andaina contra a Violencia de Xénero: Ruta dos Bancos Violetas, organizada por Bumei Galicia e o Concello de Viveiro. A actividade contará cun percorrido de 10 quilómetros, baixo o lema Xuntas e xuntos somos máis fortes. A saída será ás 9:30 horas desde o Banco Violeta, situado no paseo marítimo da Variante, e a andaina finalizará no paseo marítimo de Covas, na zona dos Castelos. Ao remate do percorrido, ofreceranse uns petiscos ás persoas participantes, anuncia o Concello de Viveiro, que tamén indica que o mércores 25 de novembro a Pista Violeta, situada xunto ao Banco Violeta no paseo marítimo da Variante, acollerá unha xornada de actividades entre as 16:00 e as 17:30 horas. O programa incluirá a lectura do manifesto institucional do 25N e unha actuación musical de School of Rock, un grupo formado por alumnas do CEP Lois Tobío. Tamén participarán as xogadoras do Viveiro Club Baloncesto e as deportistas do Club Ximnasia Viveiro, que realizarán os seus adestramentos neste espazo durante a xornada.

En caso de choiva, as actividades do 25 de novembro trasladaranse ao Pavillón Municipal.

O Concello de Viveiro anima á veciñanza a participar nas dúas convocatorias e a sumarse á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.