Viveiro conmemora o Día Mundial da Infancia con actividades de participación xuvenil, sensibilización e lecer en novembro

O Concello de Viveiro conmemorará o Día Mundial da Infancia, que se celebra este venres, día 20 de novembro, cunha programación de actividades centrada na participación infantil e xuvenil, a sensibilización e o lecer. As propostas inclúen a participación de representantes da mocidade viveirense no XIV Foro Galego de Participación Infantil e Adolescente, a celebración dun obradoiro de creación audiovisual sobre corresponsabilidade e unha xornada de actividades infantís no Pavillón Antonio Tarrío.

Este venres o Concello de Viveiro participará no XIV Foro Galego de Participación Infantil e Adolescente, organizado por UNICEF Comité Galicia e que terá lugar no Parlamento de Galicia. Esta iniciativa enmárcase no programa Cidades Amigas da Infancia, do que Viveiro forma parte desde que obtivo o recoñecemento en 2025. Nesta edición participarán tres representantes do Grupo de Participación Xuvenil Contra a Marea, un dos cales exercerá como voceiro ante o pleno do Parlamento para defender o dereito á igualdade, á inclusión e á non discriminación. Os tres representantes estarán acompañados por Lorena Mera, responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Viveiro, e pola alcaldesa, Mariña Gueimunde, que tamén asistirán ao encontro. “A participación neste foro permitirá que a mocidade de Viveiro traslade as súas reflexións e propostas a un espazo de diálogo no que se abordan cuestións relacionadas cos dereitos da infancia e da adolescencia”, explica o Concello de Viveiro.

Tamén o venres 20 de novembro desenvolverase a primeira parte dun obradoiro de sensibilización sobre a corresponsabilidade a través da creación audiovisual, dirixido á mocidade e enmarcado no Programa Corresponsables. A actividade terá lugar no Espazo Xove de Viveiro, “co obxectivo de achegar esta iniciativa ao maior número posible de mozos e mozas e favorecer un espazo de encontro e participación”, indica o Concello de Viveiro, que engade: “baixo a proposta Achégate co teu móbil e crea a túa curta, as persoas participantes poderán empregar a creación audiovisual como ferramenta para reflexionar sobre a corresponsabilidade e transmitir as súas propias mensaxes”.

A programación continuará o sábado 21 de novembro, cunha tarde de actividades infantís no Pavillón Antonio Tarrío, en horario de 17:00 a 20:00 horas. A xornada contará con inchables, láser tag e obradoiros, con propostas de lecer para nenos e nenas de diferentes idades. Esta celebración recupera a proposta de lecer infantil prevista inicialmente para o Samaín, que tivo que ser cancelada.