Xa está na rúa o décimo número de A Gaceta Ribadense, o xornal editado para o XI Ribadeo Indiano

Xa está na rúa o décimo número de A Gaceta Ribadense, o xornal que edita Faro Norte Comunicación con motivo da celebración do Ribadeo Indiano. Está sendo distribuído nos negocios e institucións participantes, ademais de nos principais puntos de venda de xornais da vila ribadense.

Esta publicación, que conta con 32 páxinas e unha tirada de 4.000 exemplares, é posible grazas ao extraordinario apoio que recibe en cada edición por parte dos anunciantes e dos autores que colaboran cos seus artigos. Neste apartado este número conta con escritos de Juan López Rico, Carlos Álvarez Lebredo, Aida Álvarez e María José Fernández Azpeitia. E recóllense ademais testemuñas e historias, en formato reportaxe ou entrevista, da pregoeira desta edición do Ribadeo Indiano, a xornalista e escritora María Xosé Porteiro; do director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester; da dominicana Sofía Severino, que cos seus traxes é cada ano un dos reclamos deste evento; e de Carmela Fernández, membro da familia propietaria da casa indiana Place, inmoble que está na parroquia da Devesa e cumpre cen anos neste 2026.

Inclúe tamén o programa de actividades desta edición do evento e a sección habitual dedicada ás fotos na que aparecen moitas persoas (ribadenses e visitantes) participando no Ribadeo Indiano do ano pasado, entre outros contidos.

Do deseño desta gaceta indiana encargáronse Justo García e Alba García e da coordinación ocupáronse Carmen Cruzado e Beni Mántaras.