
O Concello de Xove continúa coa súa programación cultural de Nadal e, neste marco, este martes, día 30 de decembro, ás 18:00 horas, o salón de actos do Centro Cívico de Xove acollerá a representación da obra teatral O Apalpador e a nena sen medo, da compañía A Xanela do Maxín.
Trátase dun espectáculo pensado para público familiar, no que “a tradición do Apalpador cobra vida a través dunha historia chea de fantasía, humor e tenrura. A obra combina música, interpretación e participación do público, ofrecendo unha experiencia de entretemento e diversión na que pequenos e maiores poderán gozar dunha actividade máxica propia destas datas”, anuncia o Concello de Xove, que convida a toda a veciñanza e visitantes a acudir a esta proposta cultural que “busca non só fomentar o teatro como ferramenta educativa senón tamén celebrar o espírito do Nadal mediante unha actividade accesible para todas as idades”.
A entrada será libre ata completar aforo.


