Xoldra organiza este sábado, 20 de setembro, en Mondoñedo unha degustación de produtos de porco celta como aperitivo ao Breason

A Asociación Xuvenil Xoldra, de Mondoñedo organiza este sábado, 20 de setembro, coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, As Vesperas, unha xornada festiva con música, sorteos e unha degustación de produtos de porco celta, que servirá de aperitivo ao Festival Breason, que celebrarán o 7 e o 8 de novembro.

O deputado provincial de Rural, Daniel García, acompañado por integrantes da asociación presentaron esta xornada, que se desenvolverá a partir das 20.00 horas na Praza do Concello. O responsable provincial loubou o traballo de Xoldra, que “ademais de ampliar a axenda musical do outono cun festival que xa está nos calendarios de mocidade de toda Galiza, converteron a organización do Breason nunha oportunidade de encontro e de dinamismo a nivel local ao longo do ano con iniciativas coma esta".

Daniel García ligou esta degustación, incluída no programa Un gusto de rural, un rural degusto, á “aposta que Xoldra fixo xa noutras edicións por empregar o festival como plataforma para achegar, especialmente á mocidade,  a gastronomía, a artesanía e o patrimonio de Mondoñedo e da comarca".

Na degustación serviranse boliños de zorza e queixo e bao de agulla, da man de Asoporcel e de criadores e produtores locais.