
O Concello de Xove anuncia a celebración do seu tradicional Concerto de Nadal, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural do municipio. O evento terá lugar este sábado, día 20 de decembro, ás 18:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove. Nesta ocasión o tradicional Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música e da Orquestra Clásica de Xove “contará cunha proposta moi especial. O programa inclúe a interpretación de seis temas do disco Xente Cativa, un traballo gravado pola propia Escola Municipal de Música nos seus inicios, alá polo ano 1988. Naquel momento as pezas non dispoñían de partituras escritas, polo que para este concerto empregarase a gravación de audio orixinal como fondo musical, recuperando así a esencia e o espírito daquel proxecto pioneiro. A música era obra de Nacho Fonseca, profesor asturiano, e o disco orixinal está interpretado en bable, constituíndo unha valiosa mostra de recuperación da memoria musical e cultural da escola. Na actualidade a música escribiuna Xan Carballal e vai estar interpretada polo alumnado da Escola Municipal de Música de Xove. O concerto chega da man de máis de trinta alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Xove e membros da Orquestra Clásica de Xove, que ofrecerán ao público un variado programa musical da nostalxia daquelas pezas gravadas polos primeiros alumnos da escola no ano 88 e pensado para gozar en familia e para manter o espírito do Nadal”.
“A veciñanza está convidada a asistir e gozar deste concerto pensado para toda a familia e que é a avanzada do que se está a traballar para o próximo ano 2026, onde se vai conmemorar o 40 aniversario da creación da Escola Municipal de Música de Xove e o 35 aniversario da celebración do curso de Semana Santa”, engade o Concello de Xove, que tamén fai “un chamamento moi especial a todos aqueles rapaces e rapazas que, alá polo ano 1988, se iniciaron na música clásica na Escola Municipal de Música, cando os ensaios tiñan lugar no CEIP Pedro Caselles Rollán, e que hoxe se atopan espallados por distintos puntos da xeografía galega, para que se acheguen a desfrutar deste Concerto de Nadal. Con este encontro preténdese facelos partícipes da evolución do disco Xente Cativa a través do alumnado actual da escola, ao tempo que poidan revivir, gozar e reconfortarse cun proxecto ilusionante que eles mesmos comezaron a finais dos anos 80 no colexio de Xove”.
Ademais o Concello de Xove salienta que “este acto pretende dinamizar a vida cultural do municipio e crear un espazo de encontro para veciños e visitantes, resaltando sempre o traballo e dedicación que amosan sempre cara a programación cultural do noso concello. Dende a Concellaría de Cultura destácase que esta actividade, xa tradicional no municipio, ten como obxectivo poñer en valor o talento local, apoiar a formación musical da mocidade e fomentar a participación cidadá nos actos culturais do concello”.


