
O Concello de Xove e a Asociación de Festexos Montevelle presentan a programación das festas patronais 2026, que se celebrarán do 27 ao 31 de agosto, cun “amplo programa de actividades pensado para todos os públicos e que combina tradición, cultura, música, gastronomía e lecer”.
As celebracións darán comezo o xoves 27 de agosto ás 12 da mañá cunha actividade infantil na praza anexa á biblioteca a cargo de Caxoto, dentro do programa Ler Conta Moito. Pola tarde o salón de actos do Centro Cívico acollerá o pregón das festas, que será pronunciado por Oliver Escobar, veciño de Xove e catedrático na Universidade de Edimburgo. A xornada rematará coa representación da ópera rock O camiño do amor, do grupo Claxxon, incluída no programa Concertos do Xacobeo.
O venres 28 de agosto continuará a programación coa actuación da Maga Fani para o público familiar ás 12 da mañá. Ás 20:00 horas celebrarase a tradicional sardiñada popular, amenizada pola Charanga NBA, e seguida dunha gran verbena coas orquestras Ritmo Joven e Grupo América.
O sábado 29 de agosto, día grande na honra a San Bartolo, comezará cos pasarrúas da Banda Naval de Viveiro e os cabezudos da A.C. Saíñas. Ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne e a procesión, seguidas da sesión vermú coa Orquestra Principal. Pola tarde terá lugar o XL Festival de San Bartolo da man da A.C. Saíñas no pavillón de deportes “para deleitar a todo o público asistente do mellor folklore popular”. A noite culminará cun espectáculo de fogos de artificio e unha verbena amenizada polas orquestras Principal e Gran Parada, e rematando coa Disco Móbil Conxuro.
O domingo 30 de agosto, dedicado á Virxe do Carme, celebrarase a misa solemne e procesión acompañadas pola Banda CC.TT. Ntra. Sra. de la Misericordia. A continuación desenvolverase a sesión vermú co grupo Nueva Fuerza e pola tarde, ás 19:00 horas, disputarase no Campo Municipal de fútbol de Xove o XXXVI Torneo Concello de Xove de fútbol, que enfrontará a U.D. Xove- Lago e C.D. As Pontes. E xa pola noite a verbena contará coa actuación da recoñecida orquestra El Combo Dominicano.
As festas pecharanse o luns 31 de agosto, “festivo local en Xove e que aproveitamos para conmemorar o Día da Infancia, cunha tarde de inchables na praza do Concello para o desfrute dos máis pequenos”.
Desde a organización convídase a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunhas festas que “volverán converter Xove nun punto de encontro para a convivencia, a música, a tradición e a diversión, grazas á colaboración da veciñanza, do tecido asociativo, empresas locais, e das distintas entidades que fan posible esta celebración”.


