A xuntanza anual dos maiores organizada polo Concello de Foz será o 1 de marzo na carpa instalada na rúa Atalaia

A xuntanza anual dos maiores organizada polo Concello de Foz celebrarase o día 1 de marzo, domingo, na carpa instalada na rúa Atalaia.

A concelleira Ana Rojo anuncia que “o Concello de Foz, dende a delegación de Servizos Sociais, organiza un ano máis a tan esperada xuntanza dos nosos maiores do municipio (empadroados no Concello), cita especial que como cada ano preparamos con moita ilusión. Esta nova xuntanza celebrarase o día 1 de marzo na carpa instalada na rúa Atalaia (carpa do Carnaval), a cal contará con calefacción, baños diferenciados de mulleres e homes e adaptados para persoas con mobilidade reducida, ademais dos accesos de entrada e saída a carpa libres de barreiras arquitectónicas”.

A concelleira de Servizos Sociais explica tamén que “ás 13.30 horas iniciaremos a sesión vermú con música en directo, amenizada polo dúo Venus, seguido do xantar con un apetitoso menú, servido polo catering Chao de Brea, menú que é moi demandado pola xente maior, ademais de apetecible nestas datas de tempo invernal. Estará composto por empanada de bonito, callos, costela asada o forno con guarnición e patacas fritidas, pan, bebidas variadas, café, chupito, ademais do doce elaborado no obradoiro da pastelería Anduriña de Foz. Haberá menús adaptados para aquelas persoas que teñan intolerancias, alerxias alimentarias ou dieta baixo prescrición médica. Ó remate do xantar haberá sorteos, entrega de agasallos á dona e ó cabaleiro máis lonxevos e remataremos a tarde con máis baile e música en directo”.

Ana Rojo destaca que “esta xuntanza é unha celebración cada ano máis consolidada, aumentando exponencialmente en número de asistentes. Con esta iniciativa o Concello de Foz busca reforzar lazos entre a poboación sénior de todas as parroquias, coa pretensión de poñer en valor ós maiores, evidenciar a súa importancia na contribución a un pobo máis diverso, premialos recoñecéndolles o esforzo a toda unha vida de traballo e de participación no desenrolo da actividade laboral do pobo, dándolles o seu lugar na memoria colectiva do municipio. Mención especial ás mulleres focegas, piar fundamental na economía, desempeñando un rol que combinaba traballo produtivo coa xestión no fogar, aportando así un diñeiro moi esencial para axudar nos gastos do propio fogar, ademais da dedicación e coidados á familia. Por todo isto organizamos, coidamos e personalizamos cada detalle do evento nos protagonistas, os nosos maiores de Foz. Esperámolos, na procura de pasar xuntos un día especial!”.

O aforo é limitado e as tarxetas de invitación para participar na xuntanza recóllense no departamento de Servizos Sociais do Concello ata o día 25 de febreiro. O teléfono de contacto é o 982.13.35.66.