A XXIX Concentración de Motos do Valadouro celébrase do 30 de abril ao 3 de maio

A Xunta de Galicia anuncia que renova a súa colaboración coa Concentración de Motos do Valadouro, que se celebrará do 30 de abril ao 3 de maio. A cita, organizada polo Moto Club O Valadouro, chega este ano á súa 29ª edición.

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu este venres, 24 de abril, a presentación do programa, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o presidente do colectivo organizador, Simón Rubal; e o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela.

A Xunta explica que “a concentración, consolidada como unha cita de referencia dentro do calendario moteiro, reunirá preto de 600 participantes procedentes principalmente de Galicia, Asturias e Castela e León, pero tamén doutros puntos de España e mesmo de países como Portugal ou Francia. Os participantes poderán desfrutar dun amplo programa de actividades que inclúe dúas rutas moto-turísticas pola comarca. A primeira sairá o sábado ás 11,00 horas da zona da piscina e a segunda partirá o domingo á mesma hora da praza de Santa María. Completarán o programa exhibicións acrobáticas, actuacións musicais, reunións de confraternidade, degustacións de produtos locais, xogos infantís e sorteos. Ademais, entregaranse trofeos para recoñecer aos tres moto clubs máis numerosos, á bandeira máis orixinal ou ao afeccionado que se desprace dende máis lonxe. O encontro contará con zona de acampada para os inscritos e servizo de cátering no pavillón municipal”.

Javier Arias felicitou ao club organizador polo traballo que realizan durante todo o ano “para impulsar no Valadouro unha das citas moteiras máis veteranas e recoñecidas da provincia de Lugo e do norte de Galicia”. Subliñou que este tipo de iniciativas “supoñen un importante impulso para a economía local e axudan a promocionar a comarca”.