
As XXV Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía serán os días 12, 13 e 14 de decembro. Foron presentadas polo alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide; a concelleira de Turismo e Camiño Norte, María Patricia Otero Doural; e o arqueólogo municipal, Abel Vigo García.
“Mondoñedo retoma a actividade divulgativa coa habitual cita arqueolóxica de decembro que, na presente edición, acada os 25 anos. A cita, que combina charlas e visitas, terá lugar os días 12, 13 e 14 de decembro na Sala de Conferencias do Pazo Santomé, na rúa Julia Pardo Montenegro, e será unha edición que versará, de forma xenérica, sobre o Fenómeno Xacobeo, abordando aspectos arqueolóxicos, históricos e da historia da arte, combinando isto cunha visita guiada ao Pórtico da Gloria e á Necrópole da Catedral de Santiago”, anuncia o Concello de Mondoñedo, que nesta edición conta coa colaboración Vrije Universiteit Brussel (VUB) (Bruxelas, Bélxica), o Max Planck Insitute of Geoanthropology (Jena, Alemaña) e a Catedral de Santiago “para levar adiante unha presentación e revisión ao respecto da temática proposta”.
A edición deste ano, dirixida polo arqueólogo municipal Abel Vigo, conta coa dirección científica de Patxi Pérez Ramallo, quen, entre outras áreas, ten estudado a fondo o fenómeno Xacobeo dende a perspectiva da bioarqueoloxía.
O programa comezará o venres día 12 ás 19:30 horas coa entrega de documentación e co acto inaugural para arrancar a actividade propia do curso, ás 20:00 horas, coa intervención de Patxi Pérez Ramallo, que leva o título A voz das persoas anónimas: a bioarqueoloxía e a orixe do Camiño de Santiago.
A segunda xornada, o sábado día 13, arrancará ás 12:00 horas coa conferencia titulada La peregrinación a Santiago de Galicia en Época Moderna (siglos XVI-XVIII): crisis y recuperación de un santuario secular, a cargo de Domingo Luís González Lopo. Na tarde do sábado, ás 18:00 horas, terá lugar a segunda conferencia do día, titulada “El altar mayor de la Catedral de Santiago de Compostela. Iconografía, peregrinos y ritos de la peregrinación, a cargo de Miguel Taín Guzmán.
A actividade finalizará o domingo día 14 cunha xornada en Santiago de Compostela. Constará dunha conferencia, ás 10:00 horas, titulada Aproximación a los últimos procesos de restauración de la Catedral de Santiago, a cargo de Daniel Lorenzo Santos. E xa pola tarde continuará cunha visita guiada ao Pórtico da Gloria e á Necrópole da Catedral de Santiago, a cargo de Daniel Lorenzo Santos e Patxi Pérez Ramallo.A xornada concluirá, unha vez rematadas as visitas guiadas, coa entrega de diplomas.
Para a asistir á actividade prégase inscrición a través do e-mail xornadas.arqueo@gmail.com ou a través dos teléfonos 982.50.71.77 e 982.52.40.03. A matricula na actividade é gratuíta e estará aberta ata o venres día 12 ás 14 horas.
Dende o Concello de Mondoñedo convidan a asistir a esta actividade a todas e todos os afeccionados ao mundo da historia e da arqueoloxía.


